A manipulación dos medios de comunicación municipais a análise nun artigo de opinión
"É percibido como normal porque é o día a día. O uso da información como propaganda e dos medios de comunicación pagados con cartos públicos para intereses dun partido político ou, mesmo, dunha soa persoa"
Betanzos, 6 de febreiro de 2015. O xornal 'Betanzos e a súa comarca', que edita ACEBE-CCA, recolle no seu número deste mes un artigo de opinión do portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, sobre o uso partidista que o PSOE fai dos medios de comunicación públicos do Concello. Polo seu interese reproducímolo a continuación de xeito íntegro.
Je suis Charlie?
Dicía Malcom X, un activista polos dereitos civís das persoas negras nos Estados Unidos: se non estades previdos ante os medios de comunicación, faranvos amar ao opresor e odiar ao oprimido. Segundo aumenta o poder dos medios de comunicación a frase esta cada vez máis de actualidade. Vexamos algúns exemplos.
TVE ten condenas xudiciais por manipulación informativa. O PP no goberno que financia a TVE silenciou manifestacións e ocultou as opinións dos representantes do resto da cidadanía, dos outros grupos políticos, sindicatos, plataformas... A sentenza, a indemnización, pagámola tod@s.
É irónico ver aos mesmos políticos, aos mesmos partidos en manifestacións a favor da liberdade de expresión
Na TVG acontece outro tanto do mesmo. Non fai falla ir a cando o NO-DO de Fraga negaba que o afundimento do Prestige tivese provocado unha marea negra. As denuncias por manipulación son constantes por parte do propio persoal da televisión pública galega: as tramas de corrupción que salpican ao PP non existen, o colapso da sanidade pública é culpa da gripe Todo isto tamén financiado con cartos dos nosos impostos.
E todo isto, é percibido como normal porque é o día a día. O uso da información como propaganda e dos medios de comunicación pagados con cartos públicos para intereses dun partido político ou, mesmo, dunha soa persoa.
Vexamos outro exemplo máis cercano. O día 2 de agosto de 2012, saía isto publicado en boca do alcalde falando dos orzamentos municipais: "O alcalde agradeceu 'a decisión' de CxB 'de valorar este proxecto económico e darnos o seu apoio'. Entende que o seu voceiro 'considere que é un proxecto mellorable', mais, aínda así, 'é destacable a súa responsabilidade porque, ao igual que nós, é consciente da necesidade de contar cun novo orzamento'. En canto aos outros dous grupos políticos respecta a súa 'lexítima postura' e considera que 'as diferenzas co proxecto económico que presentamos son froito da súa posición de oposición e en moitos aspectos as diferenzas que mostraron son apenas de certos matices'". É isto información do Concello? Onde diriades que se publicou? Na web municipal como se iso fose información do Concello! Na web pagada con cartos de todos e todas e enviada por un xornalista pagado tamén con cartos públicos. Inzada de ducias de notas como esta.
A pregunta é por qué? Por qué un goberno ten necesidade de enganar aos seus veciños e veciñas? Dicía Adler que unha mentira non tería sentido se a verdade non fose percibida como perigosa. A censura, en maior ou menor medida, aféctanos a tod@s nalgún momento cando queremos dicir algo que non é o que o poder quere oír. Afirmaba Rosa Luxemburgo que quen non se move non sinte as cadeas. É irónico ver aos mesmos políticos, aos mesmos partidos en manifestacións a favor da liberdade de expresión: Je suis Charlie?