Demandamos o mantemento do Convento de Donas
É o edificio máis antigo de Betanzos, documentado xa en 1138, e é de titularidade municipal.
“O patrimonio é o que nos fai diferentes en todo o país, é o que marca a diferenza na área metropolitana, e o maior activo cultural e económico con que contamos”
É o edificio máis antigo de Betanzos, documentado xa en 1138, e é de titularidade municipal.
“O patrimonio é o que nos fai diferentes en todo o país, é o que marca a diferenza na área metropolitana, e o maior activo cultural e económico con que contamos”
Betanzos, 3 de outubro de 2017. O BNG demandou no Pleno ao goberno local que aclare se ten algún proxecto para o Mosteiro de Donas, nas Cascas. As nacionalistas lembran que é o edificio en pé máis antigo da cidade e que presenta un estado de ruína absoluta. Neste sentido, explican que “o goberno local ten aclarado no Pleno que o Mosteiro de Donas é de titularidade municipal, mais as únicas actuacións que o goberno local leva adiante nel son algún desbroce ocasional, cando as silveiras cobren case todo o inmoble”.
Desde o BNG recordan que o actual executivo habilitou “un estacionamento para media ducia de coches sobre un dos corpos do edificio, que xa estaba en pé en 1138, cando o reconstrúe a Casa de Traba”. “Resulta mesmo contraditorio que o mesmo goberno que anuncia que contratará un equipo multidisciplinar para deseñar un programa polo 800 aniversario do traslado da cidade desde Betanzos o Vello manteña na ruína máis absoluta e contribúa á degradación progresiva dun edificio que case ten mil anos de historia”, lamenta o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
“O PSOE quería poñer aquí o albergue de peregrinos, pero desde que abriu no Casco Histórico esquecéronse deste edificio histórico”, explica. “Agora xa o sinalizan turisticamente como ruína”, abunda. “Estaría ben saber se pretenden consolidar a ruína, darlle algunha utilidade social ao convento ou simplemente seguir axudándoo a caer para ir metendo pouco a pouco máis prazas de aparcamento sobre el”, ironiza.
“O patrimonio é o que nos fai diferentes en todo o país, é o que marca a diferenza na área metropolitana, e o maior activo cultural e económico con que contamos” explica Del Río. “Non pode ser que haxa edificios públicos, coma este, ruinosos, e non se saiba que facer con eles mentres se deixan ir abaixo”, lamenta. “De feito o que queda é a metade xa do que era, goberno español, Xunta e Concello permitiron a súa demolición”, engade.
Neste sentido, o BNG ven defendendo desde hai décadas a rehabilitación do antigo mosteiro e a súa posta en valor como un centro multiusos que, ademais de recoller a historia do cenobio, acolla actividades sociais, culturais e usos formativos.