O BNG reclamou no Pleno o amaño das pistas deportivas da Condesa
Non exixe ningún investimento desorbitado nin traballos complexos desde o punto de vista técnico.
Betanzos, 30 de agosto de 2013. O BNG levou ao Pleno o malestar da mocidade da Condesa polo estado en que se atopa a pista deportiva do barrio. Segundo explicou a concelleira María Otero, o pavimento levantado e rebentado e as silvas que se meten na pista desde unha finca colindante impiden que os mozos poidan practicar deporte na pista en condicións normais.
Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao goberno do PSOE por que mantén a pista nesta situación xa que non exixe ningún investimento desorbitado nin traballos complexos desde o punto de vista técnico. Reclaman ao goberno local que solucione de inmediato esta situación, que dificulta o uso do único equipamento de lecer nun barrio con máis de tres mil veciños.
Os nacionalistas insisten, ademais, en que xa que o goberno local non ten ningunha proposta en canto a fomento do deporte afeizoado e de lecer para a mocidade, cando menos debera ter as pistas deportivas en condicións normais de uso. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, lamentou, ademais, que o goberno municipal do PSOE manteña o parque situado na parte traseira do barrio, nas mesmas condicións de abandono que antes lle criticaba ao PP e cun perigo certo de incendio a carón das vivendas.