O BNG demanda que se abra o paso ao río nas Cascas
Desde o BNG urxen ao goberno local a poñer fin a un verquido que leva meses producíndose a escasos metros da ponte das Cascas.
Betanzos, 31 de marzo de 2014. O BNG demandou no Pleno que se garanta o acceso á beira do río Mendo no entorno da ponte vella das Cascas. Hai unha valla que impide acceder á beira do río, zona pública segundo a lexislación de augas, explicou a nacionalista María Otero.
Os nacionalistas preguntaron ao executivo local sobre que accións adoptou para garantir o paso á zona de servidume do río. Ou desisten de garantir o acceso público ao río?, interpelou a edila do BNG.
Desde o BNG urxen ao goberno local a poñer fin a un verquido que leva meses producíndose a escasos metros da ponte das Cascas. A auga sae con bastante potencia e presión desta canalización desde hai meses, como nos trasladaron varias persoas que cruzan a diario a ponte indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Coa marea baixa o chorro de auga sae máis dun metro cara arriba explica o edil do BNG, que ironiza sobre se este géiser do Mendo será unha nova atracción turística dentro de algún plan do goberno do PSOE.
Non se pode celebrar a declaración como Reserva da Biosfera e manter este tipo de situacións, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río. Se unha declaración como a de Reserva da Biosfera admite todas estas prácticas a nós decepciónanos. Xa dixemos no seu momento que esperábamos que valera para algo pero parece que non, lamenta.