Pedimos que se habilite a pista deportiva da Condesa para máis deportes
“Pensamos que estes investimentos en infraestrutura gratuíta para a práctica deportiva e o lecer saudábel teñen un custo mínimo e deberan ser prioritarios. Non nos parece de recibo que se gasten máis de 7000 euros nun acto na aula de cultura mentres temos as pistas deportivas nun estado lamentábel”
“Pensamos que estes investimentos en infraestrutura gratuíta para a práctica deportiva e o lecer saudábel teñen un custo mínimo e deberan ser prioritarios. Non nos parece de recibo que se gasten máis de 7000 euros nun acto na aula de cultura mentres temos as pistas deportivas nun estado lamentábel”
Betanzos, 8 de febreiro de 2017. O BNG celebrou que, logo de anos solicitandoo, o goberno local á fin accedese a reparar a pista deportiva da Condesa, inzada de broza e co firme moi deteriorado. Mais a reparación da pista tense traducido tamén na eliminación de canastras e pintado de liñas para todos os deportes que non sexan o fútbol.
As nacionalistas trasladaron ao Pleno as queixas dun grupo de mozas e mozos do barrio por este motivo. “Onde antes había unha pista que cando menos valía para practicar futsal e baloncesto, agora só serve para fútbol”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
O nacionalista demandou do goberno local que explique os motivos que levaron a reducir os deportes que se poden practicar na pista. “Apenas ten custo manter varias modalidades como até a data”, engadiu. “Se mesmo o Concello ten canastras sen uso no recinto feiral de Bellavista que ben se poden reparar e instalar na pista con medios municipais”, explica.
Para o BNG, “as pistas son unha forma gratuíta de ofrecer un lecer saudábel e alternativo” e lamentan que “modificándoas e retirando canastras o goberno local está a reducir opcións de práctica deportiva e de lecer saudábel para a mocidade”.
“Pensamos que estes investimentos en infraestrutura gratuíta para a práctica deportiva e o lecer saudábel teñen un custo mínimo e deberan ser prioritarios. Non nos parece de recibo que se gasten máis de 7000 euros nun acto na aula de cultura mentres temos as pistas deportivas nun estado lamentábel”, criticou Del Río en referencia á factura abonada polo executivo local a unha empresa privada por organizar a “gala do deporte”.