Insistimos na necesidade de que o Concello tome medidas para erradicar a herba da Pampa
O BNG demandou novamente no Pleno medidas concretas para eliminar a herba da Pampa. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, explica que esta planta invasora provoca “danos nos cultivos e elimina outras especies vexetais, cun dano evidente para a paisaxe e a biodiversidade”.
Betanzos, 7 de outubro de 2017. O BNG demandou novamente no Pleno medidas concretas para eliminar a herba da Pampa. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, explica que esta planta invasora provoca “danos nos cultivos e elimina outras especies vexetais, cun dano evidente para a paisaxe e a biodiversidade”. “Onde prende a herba da Pampa non se dan nin as silveiras”, resume graficamente.
Pero ademais as nacionalistas advirten de que esta planta representa un perigo para a saúde das persoas con afeccións respiratorias e que a ameaza que representa increméntase dado que arde moi doadamente, disparando o perigo de incendios. Lembran que é unha planta que ocupa un amplo espazo dentro do propio casco urbano e que o goberno local empregou unha subvención da Xunta para eliminar algún pés nun treito do Mendo.
“Non nos consta que se fixese nada ao respecto no tocante a informar á veciñanza dos problemas que esta planta supón: nin un bando informativo, nin unha campaña entre a veciñanza” censuran desde o BNG. “A implicación veciñal vai ser clave se se quere atallar esta plaga, senón estaremos a expensas dunha subvención para sacala puntualmente dalgún lugar ao que enseguida volverán”, lamentan. “No orzamento aprobado este ano volve a non haber fondos consignados para esta medida aprobada polo Pleno, como xa acontecera o ano pasado” lamentan.
As nacionalistas recordan que esta especie “está incluida no Catálogo de Especies Exóticas Invasoras, o que implica automaticamente que está prohibido ter esta planta así como o seu transporte, tráfico e comercio de pés ou partes da planta”. “Calquera diría que o goberno local non se toma en serio o que supón esta planta invasora” sostén Del Río.
Neste sentido, as nacionalistas lamentan que a pesar de que o Pleno xa aprobou varias medidas encamiñadas a eliminar esta planta, a última vez a proposta do BNG en outubro de 2015, non se acometeron os traballos necesarios para erradicala. “
Un bando para informar á veciñanza sobre como debe eliminala
Por este motivo, desde o BNG indican que “como primeira medida o goberno local debera informar do que supón ter esta planta á veciñanza”. “Con un bando pode recordar a normativa vixente e indicar a forma segura de eliminala”, explica Del Río. “Segundo nos indicaron, hai que aplicar un producto especial que actúa sobre a planta, evitando contaminar o solo, non vale cun simple desbroce porque se propaga e brota con maior forza”, engade.
Ademais, as nacionalistas demandan ao goberno local que inclúa nese bando unha indicación para que se deixe de utilizar o plumacho para adornar as embarcacións dos Caneiros. “O uso dos plumachos por desgraza supón que as embarcacións espallan aínda máis esta plaga polo Mandeo arriba”, explican. “Non pode ser que o PSOE siga delegando calquera actuación contra as especies invasoras nas asociacións ecoloxistas ou nunha subvención que nun momento puntual poida dar a Xunta, debe tomarse en serio o tema porque é un problema ambiental moi importante no concello e en toda a comarca”, conclúen.