O BNG de Betanzos alerta sobre as agresivas podas no arboredo da vila
A voceira nacionalista denunciou a desmouca a que foi sometido o carballo americano e o juniperus da feira.
Betanzos, 11 de decembro de 2020. O BNG alertou na pasada sesión plenaria sobre o inicio do labor de poda que se fai de maneira anual, e errada, no arboredo betanceiro. En concreto, avisaron sobre a agresiva poda a que foi sometido o carballo americano que se sitúa nas instalacións do Servizo de Obras na feira. En lugar de realizar unha poda, levouse a cabo unha desmouca, unha mutilación que levará esta árbore case centenaria a secar ou, no mellor dos casos, a botar múltiples polas febles que o deixarán ao borde da morte. Igualmente, cortouse un juniperus na mesma zona sen motivo aparente.
A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, solicitou que se consulte a especialistas na materia antes de realizar estas podas tan agresivas, que teñen levado a árbores case senlleiras á súa desaparición. “Trátase dunha práctica habitual no Concello, por estas épocas realízanse labores que debían ser de mantemento e acaban coa morte das especies afectadas”.