O BNG solicita melloras nas instalacións deportivas municipais
As nacionalistas destacan o mal estado das instalacións deportivas, a problemática que crea o actual modelo de subvencións ou a falta de diálogo entre o sector e a administración e piden que se reúna o consello municipal de deportes
Betanzos, 20 de novembro de 2023.- O BNG de Betanzos presentará unha iniciativa plenaria coa finalidade de apoiar as reivindicacións das entidades e dos clubs deportivos betanceiros, logo de manter unha xuntanza con eles e de escoitar as súas necesidades.
Os clubs deportivos amosáronlle ás representantes do BNG a súa preocupación ante cuestións como o estado e o mantemento das instalacións en que desenvolven a práctica deportiva, o modelo de subvencións que actualmente rexe no Concello de Betanzos ou a propia relación coa institución municipal.
Segundo a voceira do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, “representantes dos clubs deportivos amosáronnos o seu descontento polas numerosas deficiencias que presentan os catro pavillóns públicos que existen no noso concello. Todos teñen pingueiras e, nalgún caso, estas fan imposíbeis os adestramentos nos días de choiva, como vimos as semanas pasadas”. Na mesma liña, destacan a necesidade de contar con persoal específico para o mantemento ou a conserxaría.
As nacionalistas tamén salientaron o malestar creado no sector deportivo polo actual modelo de subvencións, baseado nas subvencións nominativas, que non obedece a criterios obxectivos e que, como insisten desde hai anos no BNG, cómpre modificar.
Co fin de abrir unha vía de diálogo e solucionar toda esta problemática, no BNG apostan pola convocatoria do Consello Municipal dos Deportes. “Este organismo, que leva anos sen convocarse nin reunirse, pode ser o lugar axeitado para escoitar as necesidades do sector, procurar poñer unha solución a esas problemáticas e dinamizar o ámbito deportivo brigantino”, concluíu Sánchez.