O BNG pediu que se retiren das rúas os parquímetros da ORA
Betanzos, 7 de novembro de 2023.- O BNG presentou unha iniciativa plenaria para que se retiren os parquímetros da ORA que provocan confusión sobre a regulación de aparcamento en Betanzos.
“Os parquímetros aínda continúan nas rúas, logo da supresión do servizo da ORA en Betanzos en abril de 2018”, explicou o concelleiro do BNG, Salvador González. “Máis de cinco anos despois da desaparición da ORA os parquímetros que regulamentaban este servizo continúan instalados nas nosas rúas, impedindo en moitas ocasións a circulación dos peóns e confundindo ás persoas que nos visitan e que non coñecen a regulamentación para aparcar na vía pública”, engadiu Salvador González.
“Moitas persoas pensan que están avariados e que aínda está en vigor a ORA, pensamos que non hai xustificación para que 5 anos despois da súa supresión se manteñan nas nosas rúas”, concluíu.
Melloras en Imprenta Villuendas e na Ponte Nova
No mesmo pleno, o BNG tamén solicitou melloras na rúa Imprenta Villuendas, en que se agrandou o problema do afundimento do firme despois de ter denunciado en plenos anteriores o seu mal estado e non se ter solucionado.
Na mesma liña, as nacionalistas pediron que se amañen as lousas do firme que están levantadas e que imposibilitan a correcta circulación dos peóns na Ponte Nova.