O Pleno aprobou por unanimidade a proposta do BNG para resolver as deficiencias do complexo deportivo do Carregal
Vanessa Rey: “Levamos case unha década insistindo en que os servizos xestionados directamente pola administracións funcionan mellor, son máis eficientes e as persoas que traballan neles teñen mellores condicións. Alegrámonos de que finalmente o PSOE e o PP nos dean a razón e esteamos avanzando na remunicipalización, xa que isto vai garantir mellores servizos para toda a veciñanza”
Betanzos, 27 de setembro de 2023.- O BNG mostrou a súa satisfacción despois de que o pleno de Betanzos acordara onte por unanimidade a súa proposta para efectuar un estudo e un cronograma para resolver as deficiencias do complexo deportivo do Carregal.
“Desde a década dos 80, Betanzos conta cunhas instalacións deportivas municipais na zona do Carregal que inclúen unha piscina cuberta, unha piscina exterior e un centro deportivo con diversas áreas. Estas instalacións, que reciben o nome de Complexo Deportivo do Carregal, actualmente, xestionadas pola empresa Serviplus”, explicou a concelleira do BNG, Vanessa Rey.
“Ao longo dos anos, as diferentes empresas concesionarias foron afrontaron pequenas melloras nas instalacións, que tiñan máis a ver co pintado e a renovación da maquinaria que cun mantemento a fondo das instalacións. O resultado é que, a día de hoxe e máis de 40 anos despois da construción dalgunhas das infraestruturas que conforman o complexo, existen numerosas deficiencias que cómpre subsanar”, indicou a concelleira nacionalista.
Desde o BNG explicaron que a piscina, conta cunha caldeira que si foi renovada, mais a maior parte da maquinaria é de comezos da década dos 90 e necesita ser substituída. As ventás non son eficientes desde o punto de vista enerxético e existen unhas preocupantes pingueiras na cuberta que fan que o óxido das vigas caia directamente na auga do vaso da piscina. Tamén no exterior, a chapa da pasarela presenta numerosos buratos e o revestimento do edificio despréndese en moitas zonas.As pingueiras a que faciamos mención tamén aparecen na zona do ximnasio e de actividades deportivas.
“Ademais, as instalacións non estan adaptadas para persoas con mobilidade reducida, cando unha parte das persoas usuarias pertencen a colectivos vulnerábeis ou realizan natación terapéutica. Existe unha cadeira para baixar á auga ás persoas con minusvalías físicas, mais non funciona, como tampouco funciona o jacuzzi”, engadiu Vanessa Rey. “Asemade, danse carencias que non se poden entender, como a falta de vestiarios específicos para as monitoras e monitores”.
Xestión directa do servizo
Desde o BNG mostraron tamén a súa satisfacción ao coñecer que se está estudando a posibilidade da xestión directa deste servizo, como recollía o pacto de investidura entre o BNG e o PSOE. “Levamos case unha década insistindo en que os servizos xestionados directamente pola administracións funcionan mellor, son máis eficientes e as persoas que traballan neles teñen mellores condicións. Alegrámonos de que finalmente o PSOE e o PP nos dean a razón e esteamos avanzando na remunicipalización, xa que isto vai garantir mellores servizos para toda a veciñanza”, concluíu.