O BNG esixe no Parlamento información sobre a contaminación do río Mendo
Mercedes Queixas: “É obvio que os concellos non poden exercer este control fora do seu termo municipal e polo tanto é competencia de Augas de Galiza actuar para evitar as verteduras nos nosos ríos”
O BNG esixe explicacións no Parlamento sobre a contaminación do río Mendo que deu lugar aos gromos de Norovirus rexistrados en Betanzos este verán
Betanzos, 28 de novembro de 2023.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas, esixe explicacións no Parlamento sobre a contaminación do río Mendo que deu lugar aos gromos de Norovirus rexistrados en Betanzos este verán.
“Se ben corresponde ao Concello de Betanzos o abastecemento domiciliario de auga potábel e o seu control sanitario, a rede de sumidoiros e o tratamento das augas residuais é competencia da Xunta de Galiza garantir que as augas residuais que retornan aos ríos estean debidamente depuradas, así como o control e clausura de toda vertedura sen amparo legal”, explicou Mercedes Queixas. “É obvio que os concellos non poden exercer este control fora do seu termo municipal e polo tanto é competencia de Augas de Galiza actuar para evitar as verteduras nos nosos ríos”, engadiu.
“O norovirus que ten causado a clausura da traída betanceira, é un virus que só se transmite entre humanos, conforme teñen indicado as autoridades sanitarias. Quere dicir isto que, necesariamente, o vertido que ten contaminado a auga do servizo de abastecemento desde a captación se debe a augas residuais de orixe humana non depuradas, en caudal suficiente para comprometer a salubridade da lámina de auga que o Mendo arrastraba no verán”, indicou a deputada do BNG. “Desta situación demos traslado nesta cámara ao goberno da Xunta, ao que lle formulamos unha batería de preguntas escritas ás que non deu resposta”, informou Queixas
“Mais a resposta chegou agora ao certificar o Seprona que había norovirus no río Mendo durante o gromo de gastroenterite, nas inmediacións das depuradoras de Oza-Cesuras e Curtis, contradicindo e desacreditando a propia Conselleira e Infraestruturas quen o negara publicamente”, indicou a deputada nacionalista.
Desde o BNG piden á consellería que explique por qué negou reiteradamente a existencia de norovirus na auga do río, poñendo en risco a saúde de miles de persoas, nos dous episodios de contaminación que se produciron este verán en Betanzos. “ A Xunta ten que tomar medidas para poñer solución á situación de verquidos continuos, problemas de saneamento e depuración nestes concellos e que afecta tamén á calidade da auga da ría de Betanzos”, concluíu.
O BNG solicita copia das analíticas do Seprona
O grupo municipal do BNG de Betanzos solicitará ademais no Pleno que se celebrará esta tarde copia de toda a documentación que o goberno local ten en relación coa contaminación da auga. “Pensamos que o goberno local ten que facilitar á veciñanza toda a información e facer públicas as analíticas para pechar as polémicas sobre o tema e esixir que se tomen medidas para solucionar esta situación o antes posíbel”, concluíu Amelia Sánchez, voceira do BNG en Betanzos.