O BNG pediu no Pleno unha solución para que os equipos de fútbol federados poidan utilizar as instalacións deportivas municipais
Vanessa Rey: “A pesar dos acordos adoptados polo Pleno xa no mandato anterior. Trátase de instalacións deportivas públicas que se construíron con cartos de toda a veciñanza e o goberno local ten que buscar a fórmula para que todos os clubs poidan facer uso delas”
Betanzos, 13 de outubro de 2023.- O BNG pediu no Pleno unha solución para que os equipos de fútbol federados poidan utilizar as instalacións deportivas municipais.
“Os equipos de fútbol federados de Betanzos, ante o inicio das ligas de fútbol profesional e amateur, solicitan que se solucione o conflito que apareceu nas temporadas anteriores e que non se lles cobre polo uso dunhas instalacións ás que teñen dereito por estaren federados”, explicou Vanessa Rey, concelleira do BNG.
Desde o BNG apuntan que se deben procurar solucións consensuadas entre todas as partes implicadas no tema, para garantir que equipos destas características, que carecen de ingresos estábeis que lle permitan afrontar pagamentos e que están debidamente federados, poidan facer uso das instalacións deportivas municipais.
“A pesar dos acordos adoptados polo Pleno xa no mandato anterior. Trátase de instalacións deportivas públicas que se construíron con cartos de toda a veciñanza e o goberno local ten que buscar a fórmula para que todos os clubs poidan facer uso delas”, concluíu a concelleira nacionalista.
Desde o BNG solicitaron ao goberno local unha solución para esta cuestión e que concrete en que prazos se vai resolver.