O BNG comprométese a mellorar as instalacións deportivas do rural de Betanzos
As nacionalistas reclaman melloras nas áreas deportivas do Sapeiro e de Guiliade, así como no campo de fútbol de Castro, para mellorar os servizos da veciñanza do rural.
O BNG tamén levará a debate unha moción sobre a retirada do Plan de Ordenación do Espazo Marítimo, que suporá a instalación de polígonos de eólica mariña na nosa costa.
Betanzos, 27 de marzo de 2023.- O BNG de Betanzos presentará unha moción na sesión plenaria ordinaria do mes de marzo en que instará ao goberno local a mellorar as instalacións deportivas municipais de Guiliade, O Sapeiro e Castro, afectadas por graves deficiencias que impiden o uso por parte da veciñanza do rural.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “o pavillón polideportivo de Guliade presenza graves problemas que afectan á súa cuberta, o campo de fútbol de Castro está cuberto de maleza que imposibilita o seu uso deportivo e as pistas do Sapeiro foron vítimas de numerosos actos vandálicos e non poden ser usadas”
Para as nacionalistas, estas actuacións probarían o compromiso do goberno local coa práctica deportiva individual e colectiva, xa que as institucións deben velar pola transmisión duns hábitos de vida saudábeis, en que o deporte afeccionado se considera fundamental.
Asemade, o investimento no rural visibilizaría o compromiso coa veciñanza das parroquias brigantinas, que acostuman quedar á marxe dos orzamentos municipais. “As veciñas do rural necesitan servizos que vaian máis alá do asfaltado de camiños”, engadiu Sánchez.
Retirada do Plan de Ordenación do Espazo Marítimo
No mesmo pleno, as nacionalistas presentarán unha moción en que se instará ao goberno do Estado a retirar o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo, que recolle a instalación do 43% da eólica mariña prevista para todo o estado na costa galega, cun polígono eólico no propio Golfo Ártabro.
Segundo a voceira do BNG, “este plan supón a destrución do sector pesqueiro galego para que se sigan enriquecendo as grandes empresas eléctricas”. As nacionalistas insisten na necesidade de implantar enerxías renovábeis. de forma planificada e sustentábel a nivel social, económico e ambiental, mais o tránsito cara a enerxías máis limpas non se pode facer a custo de arrasar con todo, tanto nos montes como nas costas.