A veciñanza de Betanzos conta, desde finais da década dos 80, cunhas instalacións deportivas na zona do Carregal. Estas instalacións inclúen un pavillón polideportivo, piscinas cuberta e descuberta e unhas pistas exteriores e cubertas, que dan servizo aos veciños e veciñas de Betanzos e de boa parte da nosa comarca.
Desde a súa inauguración, estas infraestruturas foron deteriorándose e a día de hoxe presentan un estado, cando menos, preocupante. Os edificios máis antigos, o pavillón e a piscina cuberta, presentan un deterioro evidente no mobiliario, as cubertas e na súa estrutura, que é resultado de décadas sen mantemento e sen que se dedicasen os orzamentos necesarios para desenvolver melloras no complexo.
As persoas usuarias do Complexo Deportivo acostuman expresar as súas protestas polas pingueiras das instalacións, o estado da pasarela metálica ou pola imaxe que ofrecen os vestiarios; por non falar do feito de que unhas instalacións que ofrecen servizos de rehabilitación non estean completamente adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
Desde o BNG consideramos que esta realidade ten a ver con dous factores: a falta de mantemento e de coidado, que se está a converter nun mal endémico no noso concello, e o propio modelo de xestión do Complexo Deportivo do Carregal.
A xestión do complexo deportivo está privatizada e a concesión foi cambiando de empresa ao longo dos anos. Todos e todas somos conscientes de que as empresas privadas teñen como máxima a obtención de beneficios, mais eses beneficios deberían ter sido dedicados en parte á mellora das instalacións (algo que, por outro lado, o goberno loxal nunca velou porque as diferentes empresas fixeran).
É por iso no BNG avogamos por un cambio no modelo, unha remunicipalización de servizos esenciais como este. Porque só a xestión pública se centra no servizo ao público e deixa a un lado os beneficios económicos, só a xestión pública vela polo benestar das traballadoras, as usuarias e as propias instalacións.
Cómpre repensar a maneira en que xestionamos o que foi construído con diñeiro de todos e de todas, porque só se volve ás mans de todas, podemos poñer a calidade do servizo no centro.