O BNG esixe solucións para o uso das instalacións deportivas por parte de todos os clubs federados
“A pesar dos acordos adoptados polo Pleno, o concelleiro de deportes segue sen reunirse co club de veteranos que solicitou o uso das instalacións. Trátase de instalacións deportivas públicas que se construíron con cartos de toda a veciñanza e o goberno local ten que buscar a fórmula para que todos os clubs poidan facer uso delas”
Betanzos, 5 de abril de 2022.- O BNG trasladou ao pleno do Concello de Betanzos a problemática que xurdiu arredor do uso das instalacións dos campos de fútbol municipais por parte dun equipo de veteranos federado.
Segundo a voceira local do BNG, Amelia Sánchez, “hai unhas semanas, o equipo de veteranos Betanzos-Norte expoñía publicamente a problemática que estaban a afrontar para poderen usar as instalacións deportivas municipais a pesar de seren un equipo federado”. Segundo a voceira nacionalista, os clubs federados teñen dereito a utilizar este tipo de instalacións de maneira gratuíta, “como así acontece nos concellos veciños”, engadiu.
Desde o BNG apuntan que se deben procurar solucións consensuadas entre todas as partes implicadas no tema, para garantir que equipos destas características, que carecen de ingresos estábeis que lle permitan afrontar pagamentos e que están debidamente federados, poidan facer uso das instalacións deportivas municipais.
“A pesar dos acordos adoptados polo Pleno, o concelleiro de deportes segue sen reunirse co club de veteranos que solicitou o uso das instalacións. Trátase de instalacións deportivas públicas que se construíron con cartos de toda a veciñanza e o goberno local ten que buscar a fórmula para que todos os clubs poidan facer uso delas”, concluíu a portavoz nacionalista.