AS NACIONALISTAS LEMBRAN QUE A CREACIÓN DESTAS BRAÑAS ARTIFICIAIS VEN SENDO UNHA PROPOSTA DO BNG PARA PECHAR A REDE DE SANEAMENTO DE BETANZOS NOS NÚCLEOS RURAIS MÁIS PEQUENOS E AFASTADOS OU PARA GRUPOS PEQUENOS DE CASAS QUE NON CONTAN COA REDE DE SANEAMENTO.
O BNG solicita información sobre o proxecto de braña artificial para sanear Viladesuso
As nacionalistas lembran que a creación destas brañas artificiais ven sendo unha proposta do BNG para pechar a rede de saneamento de Betanzos nos núcleos rurais máis pequenos e afastados ou para grupos pequenos de casas que non contan coa rede de saneamento.
Betanzos, 7 de xuño de 2025. O BNG pediu información ao goberno local do PSOE sobre o estado en que se atopa a braña artificial que o goberno local, canda as empresas Viaqua e Estrella Galicia, anunciou o pasado ano para eliminar a carga orgánica da auga que libera ao encoro de Cecebre a depuradora-decantadora de Viladesuso.
A voceira municipal do BNG, Amelia Sánchez, demandou ao goberno local que “explique o estado deste proxecto e, así mesmo, estudar a posibilidade de estendelo a outras zonas do concello de Betanzos”. As nacionalistas lembran que a creación destas brañas artificiais ven sendo unha proposta do BNG para pechar a rede de saneamento de Betanzos nos núcleos rurais máis pequenos e afastados ou para grupos pequenos de casas que non contan coa rede de saneamento.
“Esta proposta das brañas artificiais é das mellores opcións polo menor custo de instalación e mantemento e a súa maior eficiencia no tratamento de augas residuais en núcleos pequenos, ademais de ofrecer un espazo de biodiversidade, como amosa a experiencia desenvolvida polo BNG en San Sadurniño”, destacan desde o BNG. “Por iso acollimos con satisfacción o anuncio hai un ano de que o PSOE, logo de anos desprezando a nosa proposta” destacan, “demostrsa que as propostas que fai o BNG son as que Betanzos precisa para avanzar”.