Betanzos acorda crear a Mesa da Ría para fixar prazos para a súa rexeneración
“Levamos décadas agardando polo saneamento completo e a rexeneración da ría, hai que pasar de palabras a feitos todos os gobernos e non ten que ser tabú exixirlle á Xunta que cumpra coas súas competencias no tocante ao saneamento da ría”, advirte Vanesa Rey diante da negativa do PP a crear a Mesa.
O BNG demandou virar o rumbo das políticas ambientais que desenvolve o goberno local cun plan de rearborado do núcleo urbano, priorizando novas especies máis acaídas a entornos urbanos como rúas e prazas e apostando por exemplares autóctonos nas beiras dos ríos e nos xardíns de maior tamaño.
Betanzos, 27 de xuño de 2024. Betanzos acordou constituír a Mesa da Ría xunto a todas as institucións implicadas e os diferentes grupos políticos e entidades ambientais e confrarías para fixar un cronograma de actuacións para conseguir a rexeneración completa da ría de Betanzos. O acordo, impulsado polo BNG, insiste na necesidade de abordar o saneamento e rexeneración integral da ría de Betanzos.
“A nosa ría leva anos esperando polas actuacións que permitan o seu saneamento integral. As verteduras, tanto na ría como nos ríos Mendo, Mandeo e outros, estanse a producir continuamente sen ningunha consecuencia e, polo de agora, non se coñece ningunha medida por parte do Estado –a Administración encargada de favorecer a rexeneración, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico- para solucionar o problema nun futuro próximo” advertiu a concelleira do BNG, Vanesa Rey.
Neste sentido, o acordo aprobado polo Pleno do Concello de Betanzos inclúe instar á Xunta de Galiza a rematar o saneamento e a depuración das augas que se verten á ría de Betanzos, demandar aos concellos da ribeira da ría a pór fin, polo ben común, ás verteduras que poida haber e demandar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que dispoña do orzamento necesario para a rexeneración completa da ría de Betanzos.
“Estamos no medio da Rede Natura 2000 e mais da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras de Mandeo, hai que demostrar con compromisos concretos e feitos que nos tomamos en serio o que supón para toda a comarca a bacía do Mandeo-Ría de Betanzos e as oportunidades que para toda a veciñanza da comarca ofrece o seu saneamento e rexeneración”, engadiu a concelleira nacionalista.
Vanesa Rey convidou ao PP a reconsiderar a súa negativa a constituír a Mesa da Ría e a exixir a todas as administracións competentes- Xunta, Estado e municipios- a adopción de medidas concretas para reverter a situación ambiental do esteiro do Mandeo. “Levamos décadas agardando polo saneamento completo e a rexeneración da ría, hai que pasar de palabras a feitos todos os gobernos e non ten que ser tabú exixirlle á Xunta que cumpra coas súas competencias no tocante ao saneamento da ría”, explicou. “Non é un tabú nin nada revolucionario, é só pedir que cumpra coa lexislación galega e co propio Estatuto de Autonomía”, ironizou.
“A ONU fixou no 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente para sensibilizar a opinión mundial en relación a temas ambientais, motivando ás persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sustentábel e promover o papel fundamental das comunidade no cambio de actitude cara a temas ambientais” recordan as nacionalistas. Neste sentido, indican “a mellor conmemoración posíbel da data é darmos pasos certos na mellora do noso medio máis inmediato, a comezar pola ría así que agora a alcaldía terá que convocar a entidades e administracións para dar o seguinte paso”.
Mellora do medio ambiente urbano para reducir o impacto da calor nas rúas
Neste sentido, a Corporación municipal tamén acordou, a proposta do BNG, adoptar medidas para a mellora do medio ambiente urbano. A concelleira nacionalista, Vanesa Rey, lembrou que “a veciñanza informa continuamente da perda da masa arbórea do noso núcleo urbano, en que son frecuentes as cortas de árbores en rúas e xardíns aparentemente sans e que nunca se repoñen nin se replantan”. Isto produce, asegura “unha paisaxe cada vez máis dominada polo formigón, que resulta climaticamente máis problemática para as persoas, e paisaxisticamente menos agradábel”
O BNG demandou virar o rumbo das políticas ambientais que desenvolve o goberno local para xirar cara “un Betanzos máis verde, non só no mobiliario urbano” de maneira que se elabore un estudo sobre o estado das árbores existentes no núcleo urbano e se acometa un plan de replantado, priorizando novas especies máis acaídas a entornos urbanos como rúas e prazas e apostando por exemplares autóctonos nas beiras dos ríos e nos xardíns de maior tamaño.
“Isto reduce a temperatura nas rúas, refresca e humedece o aire, facéndoo máis respirábel para as persoas, reduce o custo de ter que axardinar con especies foráneas que exixen máis rega ou máis coidados e incrementa a biodiversidade no entorno, o que á larga redunda en máis beneficios para o medio, a saúde das persoas e mesmo para as explotacións agrarias do entorno” conclúe a concelleira do BNG.