O BNG demandou ao goberno local que poña fin aos verquidos nas Hortas da Cañota

O desbroce realizado polo Concello en setembro deixou á vista un verquido da rede de saneamento por varias fincas e a cuberta escachada de fibrocemento con amianto do vello secadoiro de lúpulo da Cañota

O resultado de ambos vertidos acaba no Mandeo, un espazo protexido na Rede Natura que conta con varias especies en grave risco de desaparición ás que un vertido deste tipo pode afectar directa e gravemente.

O BNG demandou ao goberno local que poña fin aos verquidos nas Hortas da Cañota

Betanzos, 7 de decembro de 2024.- O BNG demandou ao goberno local do PSOE que poña fin a varios verquidos rexistrados nas Hortas da Cañota. O concelleiro nacionalista Salvador González advertiu no Pleno da existencia dunha fuga procedente da rede municipal de saneamento que evacúa augas fecais ao Mandeo afectando a varias fincas no entorno da Cañota, visible desde que no pasado mes de setembro o Concello desbrozase subsidiariamente unha parte dos predios na zona.

Segundo explicou o edil nacionalista, co desbroce realizado polo propio Concello “ quedou á vista unha fuga da rede de saneamento, a consecuencia do regueiro de desperdicios e papel hixiénico, que se agrava os días de fortes chuvias ao tomar maior caudal coas augas pluviais”

O concelleiro do BNG advirte que o vequtido de augas residuais acaba no Mandeo, un espazo protexido na Rede Natura que conta con varias especies en grave risco de desaparición ás que un vertido deste tipo pode afectar directa e gravemente. Por este motivo, Salvador González demandou ao goberno do PSOE que detalle as medidas e prazos concretos para atallar esta fuga da rede municipal de saneamento da que, cando menos, teñen que ter constancia desde que o Concello limpou a zona a finais do pasado mes de setembro.

Verquido de amianto

O edil do BNG advertiu tamén da perigosidade que representa un antigo secadoiro de lúpulo queimado parcialmente hai uns anos para o medio e mais para a saúde das persoas. “A cuberta de fibrocemento está escachada a causa das lapas e ciscada pola contorna, liberando amianto á zona” asegurou.

Desde o BNG recordan a perigosidade que supón o amianto para a saúde das persoas e o potencial contaminante que ten tanto para o solo agrario que rodea o edificio abandonado como para auga a través dos lixiviados. “Desde que ardeu o edificio a finais de agosto de 2022 os restos da cuberta de fibrocemento, moi probabelmente con amianto dadas as datas de construción do inmoble, están rotas en anacos e ciscadas onde as lapas e auga de apagar o lume as levaron, sen que o goberno municipal do PSOE obrigase aos propietarios a retirar este material contaminante” sinalan as nacionalistas.

Por este motivo, o edil do BNG urxiu ao executivo do PSOE a “exixir aos propietarios do secadoiro o cumprimento das obrigas de limpeza e mantemento do predio, toda vez que cando ardeu manifestaban na prensa que se negaban a facelo”. Demandou asemade que se lle requira “a retirada dos anacos da cuberta de fibrocemento con amianto” e quixo saber se o goberno do PSOE “ten iniciado algunha orde de execución a respecto destes asuntos".

O BNG demandou ao goberno local que poña fin aos verquidos nas Hortas da Cañota