No Pleno deste mes volvemos debater sobre o servizo de abastecemento de auga e de saneamento. O goberno local defendeu volver a prorrogar o contrato da empresa concesionaria, Viaqua -antes Aquagest-, desde o BNG pedimos que se marquen prazos para mellorar o estado da rede de saneamento e de subministro de auga, para evitar verquidos e inundacións como a que vimos as pasadas semanas na Ribeira.
No BNG somos conscientes de que o servizo de augas é unha das prestacións que máis queixas presenta entre a veciñanza da nosa vila. Todas coñecemos as habituais roturas que se producen nas tubaxes, sufrimos os frecuentes cortes e os episodios de auga avolta e observamos os verquidos que soportan os nosos ríos e a propia ría de maneira continua. A isto únese o feito de que este servizo foi incrementando o seu prezo de maneira notábel ao longo dos anos e esta suba non se traduciu nunha mellora das prestacións ás persoas usuarias.
Mentres, o goberno local do PSOE proponnos unha nova prórroga -que os técnicos do Concello consideran ilegal- para un servizo que leva adxudicado á mesma empresa desde o ano 1971. Cincuenta anos prestando un servizo dunha calidade moi mellorábel que se verán ampliados un ano máis a proposta do goberno local.
No BNG témolo claro. Levamos anos insistindo en que se elaboren os estudos oportunos para valorar a opción da xestión directa do servizo. Na mesma liña, consideramos indispensábel que se realice un estudo do estado das redes de auga potábel, de augas fecais e de augas pluviais, así como da rede de sumidoiros e da traída de augas; co fin de determinar ás claras o estado destas infraestruturas e de propoñer as medidas necesarias para a súa mellora. Igualmente, cómpre elaborar un mapa coas saídas de fecais e de pluviais aos ríos, para coñecermos os puntos en que se están a producir verquidos e acabarmos con esta problemática.
Galiza é o país da auga e dos mil ríos, na nosa man está protexer o noso patrimonio hídrico e xestionar de maneira eficiente este valioso recurso.