O BNG trasladará ao Pleno a necesidade de mellorar a rede de sumidoiros para evitar verquidos

verquido
verquido

“Temos unha rede antiga que nunca foi reparada a conciencia e que só é obxecto de parches que solucionan os problemas puntuais que van xurdindo, coa problemática que isto xera para a veciñanza e para o comercio local”

A última destas roturas tivo lugar a semana pasada e deixou o barrio da Ribeira e parte do Casco Vello sen servizo de auga e anegado de augas fecais

O BNG trasladará ao Pleno a necesidade de mellorar a rede de sumidoiros para evitar verquidos

Betanzos, 26 de novembro de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno a necesidade de mellorar a rede de sumidoiros para evitar verquidos. A concelleira nacionalista, Amelia Sánchez, “pedirá que o goberno local realice un estudo do estado das redes de auga potábel, de augas fecais e de augas pluviais, así como da rede de sumidoiros e da traída de augas; co fin de determinar ás claras o estado destas infraestruturas e de propoñer as medidas necesarias para a súa mellora”. 

“Ao longo dos anos, no BNG vimos denunciando as deficiencias que presenta a rede de canalización de augas e do saneamento do noso concello, fixémonos eco das frecuentes fugas da rede de saneamento municipal a ambos os ríos betanceiros, das eivas no funcionamento da EDAR do porto, dos verquidos directos ao Mendo, ao Mandeo e á ría, do deficiente funcionamento das decantadoras situadas na bacía do Mero, etc. Todas estas cuestións, son problemas que afectan directamente á calidade de vida da veciñanza brigantina, ao ter a ver cuns servizos básicos como son os do saneamento e a depuración da auga”, indicou a portavoz nacionalista. 

“Na mesma liña, son frecuentes as roturas dos sistemas de tubaxe das redes de pluviais e de fecais. Estas roturas dificultan de maneira frecuente e notábel a vida diaria da veciñanza, ao tempo que deixan ver ás claras o obsoleto do sistema de tubaxe das redes de augas e de saneamento municipais. A última destas roturas tivo lugar a semana pasada e deixou o barrio da Ribeira e parte do Casco Vello sen servizo de auga e anegado de augas fecais”, engadiu Amelia Sánchez. 

“Os feitos a que facemos mención deixan claro que temos unha rede antiga que nunca foi reparada a conciencia e que só é obxecto de parches que solucionan os problemas puntuais que van xurdindo, coa problemática que isto xera para a veciñanza e para o comercio local. Un problema que se suma ao incorrecto funcionamento das depuradoras existentes e á inexistencia de separación de augas pluviais e fecais”, concluíu a portavoz do BNG. 

O BNG demandará tamén crear unha da mesa da ría de Betanzos, onde se dea conta das saídas de augas fecais e pluviais, dos verquidos aos ríos Mendo e Mandeo e á propia ría e onde se traballe sobre un cronograma para dar solución a toda esta problemática. Esta mesa contaría con presenza de grupos políticos, colectivos ambientais e demais organizacións que teñan a ver co coidado dos noso recursos hídricos.

Melloras en materia de igualdade e loita contra a violencia machista

Desde o BNG tamén pedirán que o Pleno acorde dotar unha partida orzamentaria propia para o Plan de Igualdade e para as políticas de prevención da violencia machista os orzamentos do Concello de Betanzos de 2022. Así como que demande da Xunta de Galiza a mellora da dotación dos medios humanos e materiais necesarios para reforzar o cadro de persoal dos CIM, en especial do CIM de Coirós, que é o centro de información á muller na comarca das Mariñas. 

O BNG trasladará ao Pleno a necesidade de mellorar a rede de sumidoiros para evitar verquidos