O BNG pide que se tomen medidas cun inmóbel que ameza con colapsarse na rúa de Santiago
Non se trata dun feito puntual polo que a veciñanza reitera o seu cansazo ante unha situación que pode chegar a ocasionar danos ás persoas, máxime de termos en conta a proximidade desta vivenda a locais comercias e de hostelaría e nunha zona de moito tránsito
Betanzos, 5 de xullo de 2022.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa en que esixiu que se tomasen todas as medidas necesarias para acabar co risco que supón un inmóbel ruinoso na rúa de Santiago, unha das máis céntricas do casco histórico e das que máis circulación de peóns posúe.
A voceira nacionalista no concello, Amelia Sánchez, apuntou que “as veciñas que viven no casco histórico amosáronnos, unha vez máis a súa fonda preocupación polo estado que presentan algúns dos inmóbeis desta zona. En concreto, fixéronnos chegar a súa alarma polos desprendementos á vía pública que tiveron lugar nunha das casas ruinosas da rúa Santiago”.
Sánchez lembrou que non se trata dun feito puntual e que a veciñanza reitera o seu cansazo ante unha situación que pode chegar a ocasionar danos ás persoas, máxime de termos en conta a proximidade desta vivenda a locais comercias e de hostelaría e nunha zona de moito tránsito.
Desprendementos nunha casa da rúa do Castro
No BNG pediron que se tomen medidas para evitar o derrube deste e doutros inmóbeis que se atopan nunha situación similar no casco histórico betanceiro. “Sen ir máis lonxe este pasado fin de semana producíronse desprendementos noutra casa nos soportais da rúa do Castro, que agora está sinalizada cunha cinta para evitar que a xente se poida achegar. Parécenos moi preocupante que se produzan continuamente este tipo de incidentes, que supoñen un risco para a seguridade da veciñanza ademais de amosar cal é a situación das vivendas das zonas históricas, sen que o goberno tome ningunha medida fora de poñer unha cinta ou un valo nas rúas afectadas”, explicou a voceira nacionalista.
“Esperamos que o goberno tome medidas para garantir a seguridade das persoas visitantes á Feira Franca Medieval, a partir do venres na zona vella. Ademais dunha vez o goberno local ten que actuar para garantir a conservación e posta en valor das zonas históricas de Betanzos, que son o noso principal sinal de identidade”, concluíu.