O BNG traslada ao Pleno a supresión do Vial de Infesta
As nacionalistas solicitarán que se acepten todas as alegacións da veciñanza de Infesta para eliminar o proxecto de vial entre a N-VI e a A-6 polo seu impacto económico, visual e social no núcleo rural de Infesta e en todo o concello
Amelia Sánchez afirma que “o goberno local debe informar a veciñanza de maneira clara e veraz sobre todas as accións e trámites que teñen a ver con este tema”
Betanzos, 13 de decembro de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno que se celebrará a vindeira semana as demandas veciñais sobre o novo vial que uniría a N-VI e a A-6 e atravesaría o núcleo rural de Infesta. “O pasado 15 de setembro aprobouse de maneira inicial, co único voto en contra do BNG o PXOM. Nese Pleno desde o BNG faciamos mención da problemática que afectaba de maneira directa ao núcleo rural de Infesta por dous motivos: a conversión dun núcleo rural tradicional nunha cidade dormitorio a través da súa catalogación como Solo Urbano Non Consolidado (SUNC 07 -Infesta Oeste- e SUNC 08 – Infesta Leste-) e a demarcación dun novo vial que atravesaría a parte sur da aldea para unir a A-6 e a N-VI”, explica a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Unha vez aberto o prazo de alegacións ao PXOM foi a veciñanza de Infesta a que comezou a manifestar a súa preocupación pola trazada desa infraestrutura e polas repercusións que tería sobre os seus terreos, as súas vivendas e o seu propio modo de vida”, indicou Sánchez. “A día de hoxe continuamos sen ter ningunha información oficial que vaia máis alá das notas de prensa do goberno local”, engadiu.
“Pretendemos que se nos ofreza información clara e veraz sobre todos os trámites que se están a desenvolver sobre este tema”, insistiu Sánchez. “O goberno do PSOE presentou no seu día este vial como `a alternativa de mobilidade para o Betanzos do futuro´ e insistiu na necesidade da súa construción, mentres que agora botan balóns fóra e culpabilizan a outras institucións da súa inclusión no PXOM”, criticou Sánchez.
“O goberno local debe asumir a súa responsabilidade e, asemade, aceptar todas as alegacións que presenten as veciñas e veciños de Infesta para eliminar esta infraestrutura polo seu impacto económico, visual e social no núcleo rural de Infesta e en todo o concello.
O obxectivo das nacionalistas é conseguir información sobre o estado real da cuestións, instar ao Ministerio de Transportes a que facilite copias do proxecto de vial entre a N-VI e a A-6 á veciñanza de Infesta e aos grupos políticos que forman a corporación e negociar unha alternativa de comunicación para o Polígono de Piadela cun menor impacto sobre os núcleos de Infesta e de Montellos. Desde o BNG lembraron que teñen rexistrada unha iniciativa no Congreso, a través do deputado nacionalista, Néstor Rego, para que se informe sobre o proxecto deste vial.