O BNG denunciou o peche do Espazo Xove as mañás dos sábados e pediu que se amplíe o seu horario
Vanessa Rey: “pedimos ao goberno local que inste á Xunta de Galiza a que retome os horarios de apertura anteriores e, mesmo, que valoren a posibilidade de ampliar o horario de apertura deste espazo”
Betanzos, 1 de decembro de 2023.- O BNG denunciou o peche do Espazo Xove as mañás dos sábados e pediu que se retome o horario de apertura anterior. “A principios do mes de novembro anunciábase o peche temporal do Espazo Xove de Betanzos nas mañás dos sábados. Este espazo conta con moita aceptación por parte da mocidade de Betanzos, que acode con frecuencia para xogar en rede ou para facer uso das súas instalacións en grupo”, explicou a concelleira do BNG, Vanessa Rey.
“No BNG consideramos que ofrece unha boa alternativa de lecer para a mocidade e que lle ofrece á rapazada outras opcións para gozar do tempo libre máis alá do botellón. Por iso, consideramos que se deberían ampliar os horarios deste espazo, incluíndo sábados á tarde e, mesmo, domingos, en lugar de reducilos”, engadiu a concelleira nacionalista.
“Por iso, pedimos ao goberno local que inste á Xunta de Galiza a que retome os horarios de apertura anteriores e, mesmo, que valoren a posibilidade de ampliar o horario de apertura deste espazo”, concluíu.