O BNG esixe melloras nos centros educativos de Betanzos
As nacionalistas consideran que o elevado deterioro dos centros educativos públicos de Betanzos fan imprescindíbel que sexan incluídos nos Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para a súa completa reforma.
No mesmo pleno, o BNG presentará unha moción de apoio á iniciativa lexislativa popular de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria.
Betanzos, 27 de febreiro de 2023.- O BNG presentará na sesión plenaria ordinaria deste serán unha moción coa que pretenden instar á Xunta de Galiza a investir os fondos necesarios para mellorar as instalacións do CEIP Francisco Vales Villamarín e do IES Francisco Aguiar. Esta proposta saiu das reunións que o BNG celebrou coas ANPAS do CEIP Vales Villamarín e do IES Francisco Aguiar, onde as nais e pais lles trasladaron as deficiencias que presentan os centros educativos.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “ os dous centros, xunto co IES As Mariñas, constitúen a oferta pública educativa do noso concello e de parte da comarca e precisan de melloras urxentes nas súas instalacións”.
No referente ao Vales Villamarín, as nacionalistas esixen que se execute a segunda parte da reforma do edificio, cunha mellora da fachada e do illamento térmico do edificio, un cambio nas xanelas, melloras na iluminación e na instalación eléctrica e nas dotacións do centro, así como a necesaria ampliación do comedor. Canto ao Francisco Aguiar, as deficiencias aféctanlle fundamentalmente ao edificio coñecido como “as porqueirizas”, que manifestan graves problemas de seguridade e salubridade para profesorado e alumnado.
As nacionalistas solicitan que ambos os centros sexan incluídos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galiza, ao considerar que o seu elevado deterioro é incompatíbel coas necesarias garantías dunha calidade educativa.
Defensa da sanidade pública
No mesmo pleno, o BNG trasladará unha moción de apoio á iniciativa lexislativa popular de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria, promovida pola plataforma SOS Sanidade Pública e rexistrada o pasado 7 de febreiro no Parlamento galego, con máis de 50.000 sinaturas.
As nacionalistas pretenden visibilizar as nefastas consecuencias que os sistemáticos recortes na sanidade pública están a ter na atención primaria, “con listas de espera de até quince días para poder ter unha cita presencial nos centros de saúde, PACs sen persoal médico, miles de miles de crianzas sen persoal de pediatría asignado ou que as persoas doentes teñan que soportar urxencias hospitalarias saturadas con horas de espera para recibir atención médica”, engadiu Sánchez.