O BNG celebrará un encontro aberto para explicar as liñas fundamentais do seu proxecto para Betanzos
Betanzos, 1 de marzo de 2023.- O BNG celebrará o vindeiro sábado un encontro aberto para explicar as liñas fundamentais do seu proxecto para Betanzos e recoller propostas da veciñanza. O encontro será ás 11 h en Alecrín na rúa Doldán.
“Queremos contar coas achegas da veciñanza, entidades e colectivos para facer unha posta a punto do proxecto de cidade que temos para Betanzos”, explicou a candidata do BNG á alcadía, Amelia Sánchez. “A participación da xente no noso proxecto é fundamental e por iso queremos incorporar as propostas da veciñanza, no vindeiro mes celebraremos tamén encontros abertos nas parroquias e barrios de Betanzos”, engadiu.
Cinco grandes áreas vertebran o proxecto de cidade do BNG: a democratización do Concello, un novo modelo de cidade e unha nova relación co entorno, unha política cultural que aposte polo propio, a defensa dos servizos públicos de calidade e a creación de emprego.
“A receita é apostar polo propio, polo que nos fai diferentes, que é o noso maior atractivo, tanto á hora de deseñar unha nova política cultural como para deseñar o Betanzos do futuro”, explicou a candidata nacionalista.
“Sabemos que Betanzos merece máis. Somos conscientes do seu potencial e estamos traballando nun proxecto que faga do noso concello un concello vivo e dinámico, para innovar e seguir a construír o futuro que merecemos”, explicou a candidata nacionalista Amelia Sánchez. “Sabemos facelo, estámolo facendo en vilas e cidades parecidas a Betanzos, como Allariz, Ribadeo ou Pontevedra”, concluíu.