A Xunta do PP continúa cos seus recortes en servizos de primeira necesidade que utilizamos a cotío. Se o mes pasado denunciabamos os recortes no centro de saúde do Carregal, este mes o curso comezou coa intención da Consellería de Educación de suprimir catro prazas de profesorado nos institutos públicos da nosa cidade, que dan servizo a practicamente toda a nosa comarca.
No IES As Mariñas, cunha matrícula que ten medrado considerablemente superan xa as 700 alumnas e contan só con 71 docentes. As prazas que a Xunta pretendía suprimir teñen un horario lectivo completo, o que fai que este retallamento afecte á totalidade do alumnado do centro, sexa da ESA, da ESO ou de ciclos formativos. Eran 119 alumnas sen docentes, que co curso iniciado, tan só tiñan unha profesora de garda, sen clase. No IES Francisco Aguiar tamén se pretendían retallar dúas prazas. Todo isto repercute negativamente na calidade da docencia que recibe o alumnado da nosa cidade e da comarca.
o modelo educativo da dereita, o seu modelo de sociedade, é que estude e teña sanidade quen poida pagar. Para o resto, caridade. Se a houber
Mentres isto acontece, a Xunta segue incrementando os fondos públicos que entrega aos centros de ensino privado e concertados. Aínda no mes de xullo modificou os orzamentos para darlles 2 millóns máis, sumados aos 1550 que lles entregaron ata o 2023. Porque o modelo educativo da dereita, o seu modelo de sociedade, é que estude e teña sanidade quen poida pagar. Para o resto, caridade. Se a houber.
No BNG cremos que o ensino público é esencial para superar as diferenzas socioeconómicas da sociedade, polo que debe ser unha prioridade para os gobernos. Por este motivo, nada máis ter coñecemento destes recortes, en paralelo ás accións que os centros de ensino decidiron emprender, presentamos unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza e no Concello para demandar unha rectificación da Xunta, tras intercambiar datos e opinións coa comunidade escolar.
E moverse funciona. O recorte da Xunta foi en verán, ás agachadas, para evitar a contestación social. Pero a denuncia pública e a presión dos centros obrigou ao PP a rectificar. Non cubrirán as catro prazas, só tres. Pero cando menos evítase, neste intre, o recorte que planeaban. Estamos contentas de poder ter contribuído co noso gran de area a frear esta agresión ao ensino público por parte da Xunta do PP, mais obviamente vixiaremos para non atoparnos na mesma dentro dun ano.
Este artigo foi publicado orixinalmente no xornal Betanzos e a súa comarca que edita ACEBE-CCA no seu número de outubro de 2017.