O BNG pide que se contrate o persoal necesario para garantir un ensino de calidade no CEIP Vales Villamarín
“o Concello debe posicionarse do lado do alumnado e exixir á Consellaría de Educación que nomee o profesorado suficiente para garantir a correcta atención dos nenos e nenas do Vales Villamarín”
Betanzos, 23 de setembro de 2021.- O BNG trasladará ao Pleno os recortes de persoal no CEIP Vales Villamarín e pedirá que o concello esixa á Xunta que se contrate o persoal necesario para garantir a calidade do ensino. “O pasado 9 de setembro comezaba o curso 2021-22 no ensino de Infantil e Primaria coa constatación da volta aos recortes previos ao curso da pandemia”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“No caso concreto do CEIP Vales Villamarín, o curso iniciábase coa reclamación de tres prazas que non foran concedidas na adxudicación de destinos provisionais: un mestre de Primaria, un mestre de Inglés e un mestre de Educación Física. “Aínda que a situación semellaba arranxada ao nomear profesorado interino, en días pasados as familias do alumnado de Infantil coñecían, a través do equipo docente, a existencia de novos recortes que terían a ver coas prazas de Inglés de Infantil e coas prazas de profesorado de apoio”, engadiu.
“Elimináronse horas de docencia no centro á profesora nomeada, que vai ter que compartir o centro betanceiro con outro da Coruña en réxime de itinerancia. Isto implica que só estará dous ou tres días no Vales e o resto noutro centro na Coruña”, denuncia Sánchez.
“Asemade, o aulario compartirá unha mestra de Pedagoxía Terapéutica e unha coidadora con Primaria. Estes recortes mermarían de maneira considerábel a atención do alumnado de Infantil e de Primaria e obrigarían ao resto do profesorado do centro (que aínda non conta cun horario definitivo pola falta de previsión da Consellaría) a asumir uns labores que non lle son propios”, engadiu a portavoz nacionalista.
Para Sánchez “o Concello debe posicionarse do lado do alumnado e exixir á Consellaría de Educación que nomee o profesorado suficiente para garantir a correcta atención dos nenos e nenas do Vales Villamarín”. Por este motivo, o BNG betanceiro pedirá o debate dunha moción de urxencia sobre o tema no pleno ordinario de setembro.