Uns días antes de comezar as vacacións, a dirección do CEIP Vales Villamarín comunicaba ás familias usuarias do transporte escolar que o goberno de Feijóo ía levar a cabo unha remodelación do servizo. Na práctica isto supón a conversión en liñas de transporte integrado de tres das liñas de autobús, o que permite o acceso a pasaxeiros de toda índole aos autobuses e supón que 80 alumnos e alumnas do centro urbano queden sen dereito a transporte escolar.
Días despois, o centro tamén comunicaba a supresión de tres prazas de profesorado de Infantil e Primaria, en concreto unha praza de Inglés, outra de Pedagoxía Terapéutica e unha terceira de Primaria con Educación Física.
Resulta evidente que non cubrir estas prazas dificulta de maneira notábel a organización do centro e o propio inicio do curso escolar, ao tempo que impide unha correcta atención ao alumnado con necesidades especiais e leva consigo un empeoramento da calidade do ensino dos nosos fillos e fillas.
O PP desde a Xunta continúa coas constantes agresións ao ensino público a que nos teñen acostumadas. Setembro tras setembro desde hai anos repítense as supresións de profesorado nos centros educativos públicos e de servizos complementarios como os de transporte escolar, bolsas ou comedores. Un feito que, non o esquezamos nunca, só ten uns prexudicados: os nosos fillos e fillas.
O ensino público é un dos piares sobre os que se asenta a nosa sociedade. E os nenos e nenas de Betanzos teñen o dereito de recibir este servizo nas mellores condicións que for posíbel.
Agardamos que Feijóo e o PP rectifiquen e restitúan os dereitos recortados. Mais tamén agardamos que o goberno local mova ficha en lugar de limitarse a dar titulares de prensa exixindo a outros o que non fai: debe abrir un novo prazo de inscrición nos servizos de comedor e de mañanceiros para as familias afectadas polas mudanzas nas liñas de transporte. E debe convocar, o máis axiña posíbel, as bolsas de axuda á adquisición de material escolar. Unhas bolsas que non convocou no curso pasado, no curso da pandemia, no curso en que máis familias necesitaban a colaboración institucional pola grave situación que estabamos a vivir.