O BNG solicita información sobre a situación do Mandeo 50
No BNG solicitan coñecer o estado real da tramitación da caducidade da licenza do edificio e os prazos que prevé o concello para que se poida rematar o expediente e comezar os labores de demolición
Betanzos, 16 de febreiro de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de coñecer o estado de tramitación do expediente do edificio coñecido como Mandeo 50, logo de que o goberno local anunciase a caducidade da licenza e o próximo comezo dos labores de demolición do mencionado edificio.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “hai uns meses, as betanceiras coñeciamos a través da prensa que o Concello de Betanzos daba os primeiros pasos para derrubar o edificio da rúa do Mandeo número 50 e que só faltaban uns flecos para solucionar o expediente”.
Para as nacionalistas, o anuncio do concello de que se estaba a tramitar a caducidade da licenza do edificio do ano 2005 como paso previo para ordenar a demolición da mole (que se pode ver desde a maioría dos puntos da cidade de Betanzos) obedecería a cuestións de propaganda e non se materializaría a curto prazo.
No BNG solicitan coñecer o estado real da tramitación da caducidade da licenza do edificio e os prazos que prevé o concello para que se poida rematar o expediente e comezar os labores de demolición.