O BNG demanda a convocatoria inmediata da comisión de investigación do Complexo San Roque tras advertir novas irregularidades

O grupo municipal do BNG

“A nosa proposta sempre foi que o edificio se transforme nun xeriátrico público que complemente o centro de día que defendemos abrir no antigo ambulatorio e que o aparcamento soterrado dea servizo a ambos e mais á veciñanza”

“A falta de información do executivo local sobre este asunto resulta preocupante, tendo en conta que en última instancia é o Concello -e por tanto a veciñanza- o responsábel último do que poida acontecer aí”

O BNG demanda a convocatoria inmediata da comisión de investigación do Complexo San Roque tras advertir novas irregularidades

Betanzos, 29 de maio de 2025. O BNG demandou no Pleno que se convoque inmediatamente a comisión de investigación do Complexo San Roque para estabelecer un calendario de sesións para determinar os incumprimentos dos contratos vixentes, as consecuencias que deles derivaran e as responsabilidades que haxa lugar. Advirten as nacionalistas que “o contrato prevé que calquera subarrendo ten que ser autorizado polo Pleno da Corporación e isto estase incumprindo”.

Desde o BNG recordan que “hai un ano, en febreiro de 2024 e a conta dunha iniciativa plenaria do BNG o goberno local anunciou que convocaría a comisión de seguimento deste tema logo dunha audiencia previa xudicial da que en ningún informara á Corporación”. “Esta vista tiña que celebrarse naquel febreiro a consecuencia da denuncia interposta polo Concello en 2022 a raíz doutra iniciativa plenaria do BNG polas irregularidades rexistradas até aquela data, mais nunca foi convocada polo PSOE”. “Daquelas demandamos información sobre a nova poxa sobre os dereitos da concesión, e o goberno do PSOE dixo que xa convocaría a comisión e xa informaría, mais nunca o fixo”, detallan.

No BNG consideran que “a falta de información do executivo local sobre este asunto resulta preocupante, tendo en conta que en última instancia é o Concello -e por tanto a veciñanza- o responsábel último do que poida acontecer aí”. As nacionalistas lembran como todo o que a veciñanza foi coñecendo deste asunto foi “a golpe de iniciativa plenaria do BNG durante os últimos anos, porque “a explotación do denominado Complexo San Roque está rodeada de incumprimentos e carencias que chegan desde que remata a obra ata os nosos días”. Detallan así “impagos de rendas, tributos e a traballadores, falta de funcionamento dos servizos, traspasos irregulares, falta de execución das actuacións previstas no prego, apertura dunha sala de eventos no soto da cafetería...”

Tamén, lembran, “foi o BNG quen fixo públicas as poxas sobre os dereitos da concesión” e como, en definitiva, as nacionalistas forzaron “a apertura da comisión de investigación para coñecer todas estas irregularidades e determinar as responsabilidades sobre os diversos incumprimentos que rodean este alugueiro e concesión”. “Unha comisión cuxa periodicidade de xuntanzas deixou moito que desexar para, deliberadamente, impedirlle realizar os seus traballos logo dunha xeira de comparecencias das que non se tomou acta no seu día” lamentan.

Por este motivo, demandaron no Pleno que se convoque e estableza un calendario de traballo para poder botar luz sobre os antigos e novos incumprimentos e rescindir, se é o caso, os contratos. “A nosa proposta sempre foi que o edificio se transforme nun xeriátrico público que complemente o centro de día que defendemos abrir no antigo ambulatorio e que o aparcamento soterrado dea servizo a ambos e mais á veciñanza”, conclúen desde o BNG.

O BNG demanda a convocatoria inmediata da comisión de investigación do Complexo San Roque tras advertir novas irregularidades