O BNG apoiará no Pleno a proposta para cobrar todos os impagos da empresa que xestiona o Hotel San Roque e iniciar o proceso de rescisión do contrato
“Cremos que chega moi tarde a reclamación dos pagos que non efectuaron as empresas que xestionan o hotel do antigo Asilo Manuel Naveira, e cremos que chega tarde a proposta de rescindir o contrato de aluguer deste inmóbel de titularidade municipal”
“En Betanzos temos unha falta de servizos evidente, sobre todo de tipo asistencial, e desde o BNG levamos anos apostando por estudar a opción dunha residencia de maiores neste edificio, que complemente o centro de día que propomos no antigo ambulatorio”
Betanzos, 23 de abril de 2021. O BNG adiantou que apoiará no Pleno a proposta do goberno local para cobrar todos os impagos da empresa que xestiona o Hotel San Roque e iniciar o proceso de rescisión do contrato. “Levamos lustros reclamándolle ao PSOE que faga isto precisamente”, lembrou irónica a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
“Cremos que chega moi tarde a reclamación dos pagos que non efectuaron as empresas que xestionan o hotel do antigo Asilo Manuel Naveira, e cremos que chega tarde a proposta de rescindir o contrato de aluguer deste inmóbel de titularidade municipal” abundou a nacionalista.
A voceira nacionalista criticou que o goberno local permitira que continuara a concesión do Hotel San Roque “sen cobrar un só euro desde o ano 2018”. “E non sería pola cantidade de iniciativas, mocións, preguntas e propostas que fixo o BNG e mesmo despois dunha comisión de investigación sobre este contrato”, ironizou.
Desde o BNG remarcan que os ingresos que a administración local deixou de ingresar en todos estes anos “podían ir dedicados a outras cousas moi necesarias para a nosa veciñanza”, segundo explicou a portavoz do BNG Amelia Sánchez.
“Consentir con esta situación desde hai máis dunha década supón que o goberno local deu por bo que a concesionaria se ría do Concello, isto é, a toda a veciñanza”, explica Amelia Sánchez. “Pero ante todo, é un agravio comparativo ao trato que se lle dá a outros veciños e negocios” advirten as nacionalistas.
“Sería impensábel que se mantivese durante 5 anos sen pagar os seus impostos e taxas calquera outro negocio, calquera veciña, e sen embargo a esta empresa que leva anos sen ingresar un só euros o goberno do PSOE permitiu que continuara como se tal cousa”, recorda. “E se en circunstancias normais este agravio comparativo resultaría inadmisíbel, como vimos denunciando desde hai moitos anos, no actual contexto resulta indecente e indefendíbel”, abundou.
A portavoz nacionalista criticou a falta de información e de transparencia na actuación do goberno do PSOE. “ Non nos parece normal que despois de ter unha comisión de investigación, pechada en falso polo PSOE sen que acabase os seus traballos, e de preguntar no Pleno polos impagos e as subcontratas se nos ocultase durante máis de 5 anos toda a información”, indicou Amelia Sánchez.
Rescatar o edificio para convertilo nunha residencia pública
“O edificio é público, foi cedido ao Concello para uso educativo ou asistencial e desde o BNG pedimos que se recupere para uso público” abundan as nacionalistas.
“En Betanzos temos unha falta de servizos evidente, sobre todo de tipo asistencial, e desde o BNG levamos anos apostando por estudar a opción dunha residencia de maiores neste edificio, que complemente o centro de día que propomos no antigo ambulatorio”, recorda Sánchez.
“En todo caso, pedimos ao goberno que rescinda a concesión e cobre todos os atrasos á empresa e que estude un uso público para este edificio que é propiedade pública”, concluíu.