O BNG presenta alegacións ao proxecto de reforma da AC-542

Edís do BNG nun percorrido por Infesta
Edís do BNG nun percorrido por Infesta
Amelia Sánchez: “Propomos desprazar a rotonda proxectada para manter a incorporación da estrada N-VI dirección á Coruña e un novo vial para mellorar o acceso ao núcleo do Coto e a residencia de maiores”
O BNG presenta alegacións ao proxecto de reforma da AC-542

Betanzos, 4 de xuño de 2025. O BNG presentou as súas alegacións ao proxecto de mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542. A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, destacou na presentación das alegacións que son un traballo técnico que conta, ademais, "con interlocución coa plataforma veciñal de Infesta".

"O primeiro que nos chama a atención neste  proxecto para mellorar a seguridade peonil en torno á estrada é que non conta nin con medidas de calmado do tránsito, nin amplía pasos de peóns que hai actualmente", destacan desde o BNG. As nacionalistas propoñen construír beirarrúas nos treitos que non contan con elas, incrementar os pasos de peóns e instalar medidas adicionais de seguridade peonil. "O primeiro tramo do Camiño da Estación, até o Refuxio, é o acceso a un centro de educación especial e debe sinalizarse como camiño seguro escolar", abundan desde o BNG.

As nacionalistas entenden que tanto neste primeiro tramo como ao longo do núcleo de Infesta, "a AC-542 é a todos os efectos unha travesía urbana e como tal debe calmarse o tránsito, priorizar a mobilidade peonil e garantir que se pode pasar dun lado a outro, que a estrada non segue a ser unha barreira para a veciñanza". Isto concrétase, segundo as nacionalistas, reformulando as interseccións cos viais locais para ofrecer incorporacións seguras, con máis visibilidade.

Modificar a situación da nova rotonda

“Propomos desprazar a rotonda proxectada para manter a incorporación da estrada N-VI dirección á Coruña e un novo vial para mellorar o acceso ao núcleo do Coto e a residencia de maiores”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.

O proxecto da Xunta como está obriga a cambiar de sentido no Farragoto ou na nova rotonda, que proxecta baixo o desvío da N-VI, impedindo o acceso directo para residentes, visitas e subministros á residencia e ao Coto. Ademais, a reformulación dos accesos á N-VI e a obrigatoriedade de facer un cambio de sentido na rotonda das Cascas que o proxecto prevé supoñerá acabar de saturar a principal entrada ao centro de Betanzos. “O radio de virada non permite cambiar de sentido aí a camións de grande tonelaxe e obrigaraos a circular pola estrada de circunvalación até a Madalena.

Desde o BNG entenden que isto, ademais, supón afeccións pola maior densidade de tránsito ao Mosteiro de Donas e o Lavadoiro das Cascas e incrementa o tránsito a carón Pasatempo.  “O Plan Director do BIC precisamente recomenda retirar o tránsito do vial que separa a parte histórica do Pasatempo e propón medidas para calmar un tránsito máis reducido”, lembran.

Accesos e estacionamento para Betanzos-Infesta

O BNG propón, ademais, construír unha rotonda no acceso á estación Betanzos-Infesta para permitir un cambio de sentido sen necesidade de circular até a rotonda da A-6 ou ao novo cambio de sentido que o proxecto prevé na curva do Petón. Esta glorieta permitiría calmar o tránsito e asumir e redirixir os vehículos que se dirixan á estación Betanzos-Infesta. "Está en marcha xa, derivado dos compromisos do pacto de investidura no Estado asinado polo BNG, a definición da rede de proximidade de Galiza, polo que o proxecto debe aproveitar para dar accesos á estación e prever estacionamento, tanto para esta infraestrutura como para suplir o que elimina na beiravía da estrada", explican.

Por outra banda, as nacionalistas defenden a execución dun vial de acceso diferente para o centro Pai Menni- con carrís de incorporación e tránsito polo interior da finca do centro asistencial-, ensanchar os carrís da ponte sobre a via do tren para evitar que vehículos pesados invadan o carril contrario para realizar o xiro, así como cambiar de lado o paso peonil ao ser o interior da curva máis seguro, e ampliar as medidas de seguridade viaria até o núcleo de Montellos. "Son moitas as persoas que cruzan a pé a rotonda da A-6, o que exixe unha solución xunto coa perigosidade do cruce coas vías provinciais en Montellos", destacan desde o BNG.

O BNG presenta alegacións ao proxecto de reforma da AC-542