O BNG esixiu celeridade ao goberno local no desafiuzamento da concesionaria do Hotel San Roque
“Desde o mes de abril aínda non comezaron as actuacións segundo nos confirmou onte o goberno na concesión e desde o BNG seguimos insistindo en que imos tarde na toma de decisións e nas actuacións en relación con esta concesión”
Betanzos, 29 de xuño de 2021.- O BNG esixiu celeridade ao goberno local no desafiuzamento da concesionaria do Hotel San Roque. Despois da reunión da Comisión do Hotel no día de onte onde o goberno confirmou que continuará co desafiuzamento da empresa concesionaria pero que aínda non emprendeu ningunha acción legal, o BNG pediu celeridade diante “dunha situación que se leva producindo décadas”.
O Pleno do mes de abril acordou emprender medidas legais despois de que a empresa concesionaria siga sen cumprir a concesión nin no relativo aos pagos nin no que ten que ver co seguro de responsabilidade civil e outros incumprimentos como dar conta ao concello dos subarrendos. “Desde o mes de abril aínda non comezaron as actuacións segundo nos confirmou onte o goberno na concesión e desde o BNG seguimos insistindo en que imos tarde na toma de decisións e nas actuacións en relación con esta concesión”, criticou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Que sigamos consentindo esta situación desde hai máis dunha década supón que o goberno local deu por bo que a concesionaria se ría do Concello, isto é, a toda a veciñanza”, explica Amelia Sánchez. “Pero ante todo, é un agravio comparativo ao trato que se lle dá a outros veciños e negocios” advirten as nacionalistas.
Comisión de investigación pechada en falso
A portavoz nacionalista criticou a falta de información e de transparencia na actuación do goberno do PSOE. “ Non nos parece normal que despois de ter unha comisión de investigación, pechada en falso polo PSOE sen que acabase os seus traballos, e de preguntar no Pleno polos impagos e as subcontratas se nos ocultase durante máis de 5 anos toda a información e onte o asesor xurídico nos diga que a situación é exactamente a mesma que no ano 2014, fecha do último informe do anterior secretario e que non se produciron ingresos da concesionaria desde esa data. É un escándalo a deixadez coa que está actuando o goberno neste tema”, concluíu Amelia Sánchez.