O BNG propón que Betanzos desenvolva un programa contra flora invasora
As nacionalistas advirten dos efectos sobre a economía local e mais a saúde das persoas
Alertan que o propio goberno local do PSOE promove a plantación de invasoras nos xardíns municipais
Betanzos, 23 de maio de 2025. O BNG propoñerá no pleno que o goberno local do PSOE desenvolva unha campaña informativa entre a veciñanza para a erradicación de plantas invasoras.
Desde o BNG alertan do impacto económico que estas especies invasoras teñen por competencia, substitución de especies autóctonas ou danos nas infraestruturas. “A estes custos o Minsiterio para a Transición Ecolóxica suma outros de difícil cuantificación e os denominados custos sanitarios e sociais, derivados dos impactos sanitarios (problemas respiratorios, intoxicacións,...) que causan diversas especies invasoras sobre as poboacións humanas: son diferentes impactos económicos, derivados das medidas de prevención e corentena, dos gastos médicos e farmacéuticos e da perda de produción económica” advirten.
“No Estado español, a principal vía de introdución de especies exóticas é a xardinería, responsable de case a metade dos casos”, abundan as nacionalistas.
“No noso municipio hai máis dunha ducia de especies vexetais invasoras, que colonizan todo tipo de lugares, empobrecendo o patrimonio ambiental e natural das betanceiras e mesmo afectando á saúde das persoas polas alteracións que producen na calidade do aire. Eucaliptos, herba da Pampa, herba tintoreira, falsa acacia, acacia negra, mimosas, ailantos, crocosmia, tradescantia, budleia, té de horta, cana índica, conizas, campaíñas, lantanas, miriofilo acuático.....” detallan desde o BNG. “Colonizan espazos naturais, ribeiras de ríos e canos, ribazos e mesmo xardíns públicos e estanques como os do Pasatempo”, engaden.
“Nalgúns casos, como as lantanas, introducidos conscientemente polo goberno local gabándose da súa plantación en comunicados de prensa cando está catalogada como invasora no noso país” proseguen. “Os prexuízos que estas especies xeneran superan con moito o carácter ornamental que poidan ter. Nun espazo como Betanzos, con dous espazos naturais de especial valor protexidos pola Rede Natura e nun espazo central dunha Reserva da Biosfera, a consciencia sobre este problema debería trascender dunha xornada puntual ou dunha actuación illada e debera, cremos no BNG, vertebrar as actuacións ambientais e paisaxísticas do Concello, sexa quen sexa quen goberne”, enfatizan.
Por este motivo, as nacionalistas propoñen a posta en marcha dun programa de erradicación de especies invasoras que contemple, cando a erradicación das especies invasoras das zonas verdes e xardíns do municipio e de todos os espazos de dominio público, unha campaña de información e sensibilización á veciñanza para que coñeza estas especies, a prohibición da súa tenencia e os impactos que producen, xunto cunha guía de boas prácticas para a súa erradicación e unha liña de axudas para a erradicación destas especies dirixida a profesionais do sector agrícola.
Ademais, no BNG propoñen celebrar unha xornada de sensibilización para escolares sobre o problema, impacto e alternativas e Instar á Xunta de Galiza e ao goberno do estado a eliminar as especies invasoras das vías, infraestruturas e franxas de terreo do seu respectivo dominio público.
Xa o pasado mes, as nacionalistas advertiron no pleno de que en diversos puntos da cidade o goberno local do PSOE introduciu especies invasoras nas xardineiras. “Están en varios puntos do núcleo urbano, co potencial perigo que supoñen” advirten as nacionalistas.