O BNG manifestou a súa satisfacción por ter conseguido unha solución para o Hotel San Roque
Incúmprense os dous contratos e o lóxico é rescindir os dous contratos
Agora falta ver se é certo que comezan a asumir as súas responsabilidades porque aínda agardamos dimisións por este asunto
Betanzos, 30 de marzo de 2015. O BNG manifestou a súa satisfacción porque por fin conseguimos, despois de dous anos, que o PSOE lle dea unha solución á situación do Hotel San Roque. Segundo manifestou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, por fin, e logo de remitir nós o asunto á Fiscalía hai meses, o goberno do PSOE decidiu cumprir o acordo do Pleno e mandar toda a documentación á Fiscalía para determinar quen os os responsábeis desta situación.
Agora falta ver se é certo que comezan a asumir as súas responsabilidades porque aínda agardamos dimisións por este asunto relatan os nacionalistas. E falta que o alcalde permita á comisión de investigación analizar por que a administración municipal se desentendeu, por completo e durante anos, de vixiar que Complejo San Roque cumprise os seus contratos co Concello, engadiu. Porque hai responsábeis de non conceder a licenza e de non vixiar o cobro dos tributos, e de permitir esta situación durante anos, relata.
Estamos esperanzados de que se comece a poñer unha solución a este conflito, agora cando o PSOE teña a ben pode poñerse tamén a solucionar o escándalo da ORA e explicarnos como vai o reconto dos tiquets da ORA un por un, ironizou o voceiro nacionalista.
Con todo, desde o BNG recordan que Complejo San Roque incumpre os dous contratos que ten co Concello, o do hotel que está pechado e o do estacionamento soterrado que non abriu. Incúmprense os dous contratos e o lóxico é rescindir os dous contratos, puntualizan os nacionalistas. O PSOE terá que aclarar por que os mesmos incumprimentos son abondo para anular un contrato e por que no outro caso só lle tira das orellas á empresa, engadiu o voceiro nacionalista. Ou é que xa hai quen está disposto a xestionar o hotel e non se nos informa aos grupos da Corporación de algo máis?, pregúntase.