Del Río: "se á veciñanza non se lle perdoan os impostos á concesionaria do hotel tampouco"
É necesario que todas nos centremos en solucionar a situación para que un edificio como este teña un uso público, mais para chegar a ese acordo as persoas responsábeis desta situación deben asumir publicamente a súa responsabilidade para que o Concello de Betanzos deixe de dar o espectáculo bochornoso que está dando ao ter que acabar acudindo ao Xulgado
Betanzos, 6 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas demandou ao goberno local que trate do mesmo modo aos propietarios e subarrendatarios do Complexo Hotel San Roque que ao resto da veciñanza de Betanzos. Xa está ben de privilexios para uns poucos. Se á veciñanza de Betanzos non se lle permite abrir un negocio sen licenza e se lle cobra ate o último euro de impostos e de taxas, entendemos que coa concesionaria do Hotel se ten que facer o mesmo, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río.
Hai dous anos apareceu unha empresa que subarrendou o hotel, o estacionamento e o museo-degustación de forma irregular, exactamente igual que agora, recorda Henrique del Río. Lucráronse explotando o edificio todo o verán, mais logo pecharon deixando sen pagar a empregados e provedores, e tampouco pagaron rendas, impostos nin taxas, engade. Vai sendo moita hora de que o Concello aprenda dos seus propios erros e non permita que a historia se repita, porque os prexudicados sempre son as mesmas persoas, indicou Del Río.
É necesario que todas nos centremos en solucionar a situación para que un edificio como este teña un uso público, pero para chegar a ese acordo as persoas responsábeis desta situación deben asumir publicamente a súa responsabilidade
Hai unha lei que regula as concesións administrativas e outra a apertura de negocios de hostalería, e están para cumprilas todas, non dependendo de quen se trate, engadiu o voceiro nacionalista. Para poder subarrendar o hotel e o aparcamento a empresa concesionaria ten que dar conta ao Concello e este ao Pleno. Mais enterámonos unha vez mais pola prensa, é imposíbel levar un control do que pasa coas concesións do Concello e de a quen lle corresponde pagar se se permiten este tipo de actuacións, lamentou Del Río.
Hai dous anos apareceu unha empresa que subarrendou o hotel, o estacionamento e o museo-degustación de forma irregular, exactamente igual que agora
As nacionalistas sosteñen que o goberno local do PSOE sabía que o hotel ía reabrir porque alguén terá que ter autorizado o seu enganche á rede de abastecemento de auga e de saneamento municipais. Antes das eleccións, nunha xuntanza da comisión de investigación o alcalde asegurou que cortarían o subministro de auga potábel recorda Del Río. Está claro que ou mentiu daquela, ou minte agora engade.
Acordo de todos os grupos para solucionar a situación do Complexo San Roque
Desde o BNG-Asembleas Abertas pediron un acordo de todos os grupos para solucionar a situación do Complexo San Roque. É necesario que todas nos centremos en solucionar a situación para que un edificio como este teña un uso público, xa que non deixa nin un euro de beneficio no Concello engadiu o edil nacionalista. Mais para chegar a ese acordo as persoas responsábeis desta situación deben asumir publicamente a súa responsabilidade para que o Concello de Betanzos deixe de dar o espectáculo bochornoso que está dando ao ter que acabar acudindo ao Xulgado, concluíu del Río.