O BNG remite á Fiscalía o expediente do hotel e aparcamento Complejo San Roque
O Pleno acordou en outubro remitir o asunto á Fiscalía e polo que sabemos o goberno local incumpriu este acordo Plenario e como, xa advertiramos, vémonos obrigados a remitilo nós
Betanzos, 14 de febreiro de 2015. O BNG remitiu á Fiscalía o expediente do hotel e estacionamento soterrado do Complejo San Roque. O Pleno acordou en outubro remitir o asunto á Fiscalía e polo que sabemos o goberno local incumpriu este acordo Plenario e como, xa advertiramos, vémonos obrigados a remitilo nós, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. Nin na comisión de investigación, nin no Pleno nin nas actas da xunta de goberno figura que o alcalde cumprise coa orde da Corporación, engade.
Hai un informe do secretario que advirte de graves incumprimentos dos contratos de arrendamento e concesión do hotel e o estacionamento soterrado e hai uns gobernantes que son responsábeis de manter esa situación, engade. Cando a comisión de investigación comezou os seus traballos advertimos que se o PSOE non remitía en tres meses o asunto á Fiscalía tal e como o Pleno acordou fariámolo nós, e desde logo o BNG cumpre o que di, asegurou o edil nacionalista.
Vémonos obrigados a remitir o asunto á Fiscalía nós porque o PSOE incumpriu o acordo do Pleno para enviar este asunto
Neste sentido, desde o BNG recordan que entre as irregularidades están os cambios de empresas que xestionaron o hotel sen que o Pleno o autorizase, o impago de impostos e da renda, subcontratas ou o propio feito de que o Concello non tramitase a licenza de apertura do establecemento e permitise que funcionase sen ela. En todas estas cuestións a Administración municipal tiña que ter actuado e non o fixo, por algo será, engaden desde o BNG.
Cando o Pleno acordou remitir isto á Fiscalía e abrir a comisión de investigación o alcalde pretendeu modificar o acordo para que a comisión se dedicase a buscar a forma de cobrar as débedas da concesionaria e botar terra ao resto, indica Del Río. Evidentemente iso é necesario, pero o problema é moito maior porque para chegar a esa situación houbo quen non fixo o que tiña que facer para garantir os intereses da veciñanza e haberá que exixirlles responsabilidades, engade. O PSOE baleirou a comisión de investigación, que se limitou a analizar quen son os accionistas da concesionaria engade. Temos que entender con esta actitude que o goberno está a defender uns intereses que non son os da veciñanza?, pergúntanse desde o BNG.
Nun informe promovido polo PSOE o secretario advertiu no seu día que o Pleno tiña que trasladar as irregularidades na contratación de persoal cometidas polo PP á Fiscalía para non ser cómplice, recordou Del Río. Diante dunha situación similar, o lóxico será actuar do mesmo xeito, abundou.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, lembrou que no ano 97 o BNG votou en contra da operación que acabou co asilo en mans privadas e co polémico aparcamento soterrado da rúa Rosalía de Castro. Ambos inmobles foron entregados a mans privadas polo PSOE por 75 anos a cambio dunha renda de 600 euros ao ano e 4 prazas de estacionamento, recordou. Estes son os negocios ruinosos en que meteu o PSOE ao Concello de Betanzos e á vista está como veu funcionando o complexo, indicou.