O BNG solicita a recuperación do servizo de tarde de pediatría no ambulatorio de Betanzos
As nacionalistas alertaron de que con esta redución no servizo, prodúcese unha merma na calidade da atención aos nenos e nenas de Betanzos e dificúltase a conciliación familiar e laboral das familias
Betanzos, 11 de abril de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria coa finalidade de instar á Xunta de Galiza a que se retomen as consultas de pediatría no ambulatorio brigantino durante as tardes.
As nacionalistas lembran que, até hai unhas semanas, as dúas pediatras con que conta o Centro de Especialidades de Betanzos consultaban unha tarde, quedando cubertas as tardes dos martes e dos xoves tanto para consultas como para o servizo de urxencias de medicina infantil.
Segundo a voceira do BNG, Amelia Sánchez, “as familias usuarias do ambulatorio amosaron o seu malestar pola redución de horario do servizo de pediatría. A pesar de que cada unha das pediatras atendía só unha tarde, as familias de Betanzos eran conscientes de que podían acudir a estas consultas con carácter de urxencia e serían atendidas por unha especialista en medicina pediátrica”.
As nacionalistas alertaron de que con esta redución no servizo, prodúcese unha merma na calidade da atención aos nenos e nenas de Betanzos e dificúltase a conciliación familiar e laboral das familias, que xa non teñen a opción de axendar as revisións de idade pola tarde (fóra do horario escolar e, en moitos casos, do horario laboral).
No BNG indican que o goberno local debe tomar as medidas necesarias para reverter esta redución na atención dos servizos pediátricos e reclamar á Xunta que dea marcha atrás nesta decisión.