O BNG demanda que se reparen as pistas deportivas dos barrios e parroquias
Teñen deficiencias no firme e, sobre todo, andan moi faltas de que se pinten as liñas dos campos para os distintos deportes para os que serven. Estas reparacións non exixen ningún investimento desorbitado nin traballos complexos desde o punto de vista técnico
Betanzos, 31 de maio de 2014. O BNG levou ao Pleno o malestar das persoas que a diario utilizan as pistas deportivas dos distintos barrios e parroquias debido ao seu deficiente estado de conservación. O voceiro do BNG, Henrique del Río, demandou ao goberno local do PSOE que repare á maior brevidade todos os desperfectos destas pistas para garantir unha alternativa de lecer e deporte gratuíta para a veciñanza.
A pista do Xuncaliño volve ter a malla metálica parcialmente arrincada constituíndo un perigo certo para as persoas que a utilizan indicou o edil do BNG. A de pádel da Cruz Verde, a máis nova de todas elas, ten un estado de conservación lamentable, a da Condesa continúa parcialmente invadida de broza e a da Xerpe é directamente impracticábel, engadiu, repasando temas que os nacionalistas xa trasladaron ao Pleno e aos que o goberno local do PSOE non prestou ningunha atención.
Ademais, contan con deficiencias no firme e, sobre todo, andan moi faltas de que se pinten as liñas dos campos para os distintos deportes para os que serven advertiu. Por este motivo, urxiu ai executivo local a acometer a reparación destas pistas para non castigar sen unha alternativa de lecer e deporte gratuíta á veciñanza.
O goberno local do PSOE funde en asfaltado de camiños cartos de todos os plans de obras que aparecen, como se toda a necesidade de servizos no medio rural fose só esa, censura o voceiro nacionalista, Henrique del Río. O PSOE esquece achegar outros servizos á veciñanza das parroquias, nin amañan e dinamizan os locais sociais, nin manteñen as pistas deportivas en condicións para que a veciñanza poida usar estas instalacións que xa pagou cos seus tributos. Outra pista comida da broza é a de Castro e o goberno do PSOE non se preocupa en tela a punto para que se poida usar, denuncian.
Desde o BNG aseguran que estas reparacións non exixen ningún investimento desorbitado nin traballos complexos desde o punto de vista técnico. Por iso mesmo, reclaman ao goberno local que solucione de inmediato esta situación, que dificulta o uso do único equipamento de lecer pola veciñanza.
Os nacionalistas insisten, ademais, en que xa que o goberno local non ten ningunha proposta en canto a fomento do deporte afeizoado e de lecer para a mocidade, cando menos debera ter as pistas deportivas en condicións normais de uso.