A Asemblea Local acorda votar en contra dos orzamentos se o PSOE os leva a Pleno sen modificar
“As contas non son transparentes”. “É un orzamento privatizador, posto que a metade dos 3,3 millóns de euros de gasto corrente son para privatizar servizos, estudos, limpeza..”. “Tivemos que mandarlle nós un mail ao alcalde pedíndolle unha xuntanza para falar dos orzamentos e das nosas propostas xa que nin sequera fixeron o máis mínimo esforzo en falar co BNG aínda que só fose por presentarnos formalmente o orzamento”
“As contas non son transparentes”. “É un orzamento privatizador, posto que a metade dos 3,3 millóns de euros de gasto corrente son para privatizar servizos, estudos, limpeza..”. “Tivemos que mandarlle nós un mail ao alcalde pedíndolle unha xuntanza para falar dos orzamentos e das nosas propostas xa que nin sequera fixeron o máis mínimo esforzo en falar co BNG aínda que só fose por presentarnos formalmente o orzamento”
Betanzos, 21 de xuño de 2017. O BNG fixo esta mañá unha valoración pública do proxecto de orzamentos achegado a pasada semana polo goberno local, tras analizalo a fondo. As nacionalistas alertaron do incremento esaxerado dos cartos destinados á privatización de servizos, que ascenden a 1 514 038,48 euros. “Supón aproximadamente medio millón máis en servizos que se van encomendar á empresa privada que no orzamento de 2015”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “É un orzamento privatizador, posto que a metade dos 3,3 millóns de euros de gasto corrente son para privatizar servizos, estudos, limpeza..” resumiu Del Rio.
As nacionalistas lamentaron, que, ademais, o orzamento contempla disparar aínda máis o gasto en festas. “200 000 para as festas de agosto, 75 000 para a Feira Franca Medieval e ademais os gastos de Nadal, Entroido, con 40 000”, detallaron. “En total uns 315 000 euros para 30 días de festas no ano”, ironizaron, indicando que, pola contra, o gasto en programas como fomento do emprego caen ata a metade desa cantidade. “E sen contar con que a liquidación de 2016, que por algo evitaron dárnola até o pleno de maio, revela que só nas festas de agosto gastaron realmente 240 000 euros”, apuntou Henrique del Río.
“Eses gastos por riba do orzamento do pasado ano aparecen tamén na documentación das contas, porque hai 128 000 euros en facturas nos caixóns que non se poden pagar porque non hai fondos”, relatou Del Rïo. “E en lugar de prever o seu pago no orzamento, obrigan aos proveedores a agardar máis para cobrar porque o adían a unha modificación do orzamento nada máis entre en vigor”, detalla.
É un orzamento privatizador, posto que a metade dos 3,3 millóns de euros de gasto corrente son para privatizar servizos, estudos, limpeza...
Ademais, engadiu, incrementan aínda máis as subvencións a dedo. “É moi chamativo que o goberno pretenda triplicar a subvención a dedo que dá á Fundación CIEC malia recoñecer no Pleno que os seus responsábeis non convocan ao Concello ás xuntanzas do padroado, do que o Concello é membro”, abundou o voceiro do BNG. “Semella que se premian estas irregularidades con máis cartos públicos e, de rebote, estáselle dicindo á veciñanza que fai máis polo municipio o CIEC cá a ANPA que xestiona as actividades extraescolares”, engadiu.
As nacionalistas lamentan que non figuren investimentos relevantes exceptuando as obras financiadas polo POS da Deputación. “Nin hai cartos para investimento propio no Casco Histórico, nin hai nada para rehabilitación de vivendas” resumiu graficamente Del Río. “E o Pasatempo só aparece nomeado unha vez, na memoria na que o alcalde describe as contas, non sen imaxinación” ironiza. “Hai partidas para encargarlle estudos e proxectos á empresa privada que poden ser calquera cousa, o PEPOCH ou o PXOM, pero o documento non o di, así que poden ser calquera cousa”, engadiu.
Opacidade na elaboración, ausencia de participación veciñal
“As contas non son transparentes”, explicou Del Río. “Atribúese ao alcalde a facultade de modificar o orzamento por decreto”, indicou. “É a mesma falta de transparencia que guiou a súa redación, porque en contra do que prometeron o pasado ano, non houbo ningún proceso de participación veciñal para facer achegas ás contas a veciñanza”, relata. “Tiña que ser un proceso previo, a veciñanza fai achegas e chegados a este punto comproba se foron atendidas ou non”, indica explicando a lóxica dun orzamento participativo. “Meter 50 000 euros e dicir que son para que a xente decida agora non deixa de ser vender fume”, abundou.
“Supoñemos que todo isto responde a que o goberno local ten algún tipo de acordo con outros grupos para presentar este orzamento en concreto mais descoñecemos o contido dese acordo e en base a que se tomou”, engadiu. “Estamos diante dun goberno local que nin sequera fixo o mínimo esforzo en informar á veciñanza sobre os orzamentos, exceptuando unha nota propagandística, que non os escoitou e que non fixo esforzo sequera de presentar estas contas a todos os grupos da Corporación” engadiu.
“Non van ningunha das nosas propostas históricas, ningunha das mocións nosas que o pleno aprobou e que implicaban gastos e aumenta todo o que cuestionamos ano tras ano”, resumiu. “Nin sequera o goberno local fixo o máis mínimo esforzo en falar co BNG aínda que só fose por presentarnos formalmente o orzamento “ relata.
“Con esta situación, a Asemblea Local reuniuse e entendeu que, nestas condicións o BNG non pode apoiar este orzamento” detallou Del Río. “Enviamos nós un mail ao alcalde para pedirlle unha xuntanza, para insistirlle nas nosas propostas e para demandarlle un xiro nas súas políticas” explicou. “Pedímoslle ao goberno do PSOE que trate de levar adiante políticas de esquerda e contará co apoio do BNG”, concluíu.