O BNG advirte de irregularidades nos ingresos de 2015 segundo a conta xeral
O goberno local decidiu “a ollo” os prezos dos libros que vende o Concello e non “tramitou a alta en Facenda para que o Concello exerza “actividades económicas e as obrigas fiscais en materia de IVE”.
“No 2015 hai determinadas concesionarias de servizos municipais que non ingresaron un peso ao Concello por enriquecerse a conta da veciñanza”
O goberno local decidiu “a ollo” os prezos dos libros que vende o Concello e non “tramitou a alta en Facenda para que o Concello exerza “actividades económicas e as obrigas fiscais en materia de IVE”.
“No 2015 hai determinadas concesionarias de servizos municipais que non ingresaron un peso ao Concello por enriquecerse a conta da veciñanza”
Betanzos, 3 de outubro de 2016. O BNG denunciou que a conta xeral de 2015, que vai a Pleno este mércores, pon en evidencia irregularidades no cobro dos postos da Feira Franca Medieval. As nacionalistas explican que un informe de Intervención chama a atención debido á “omisión de requisitos esenciais” no cobro da taxa pola instalación dos postos.
“A Intervención advirte que os postos se cobran a ollo, sen deixar claro por medio de informe os metros cadrados que ocupan, que é o que di a ordenanza fiscal”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Por este motivo, a Intervención puxo un reparo a estes cobros.
As nacionalistas recordan que levan anos demandando ao goberno local que achegue a documentación sobre a selección dos postos que optan a participar na Feira Franca Medieval, as actas da comisión que os selecciona e os documentos de cobro das taxas. Ademais, indican que cando solicitaron información no Pleno sobre as poxas celebradas para diversos postos da Feira Franca Medieval “o PSOE respondeu remitíndonos unha copia dun regulamento que non foi aprobado polo Pleno nin está publicado en ningún sitio”.
Engaden, ademais, que na comisión de selección dos postos, segundo o goberno local anunciou nas súas notas de prensa, participa o persoal da empresa privada que contratan cada ano para organizar a festa. “Persoal que non é do Concello decide sobre bens do Concello, sobre medios do Concello, sobre a programación festiva que paga o Concello e sobre alugueiro das rúas do Concello, mentres que a edís da corporación se lle oculta información sobre estas cuestións” recorda Del Río.
“Moito se esmeraba o goberno do PSOE en negarnos os datos e a documentación sobre a organización da Feira Franca Medieval e agora está claro por que”, ironiza Del Río. “Se se cobran mal as taxas, saltándose a normativa, haberá que supoñer, dado que seguen escondendo todo, que no resto de trámites a cousa será polo menos igual, ou peor aínda”, conclúe.
Máis reparos nos ingresos pola venda de libros
A Intervención tamén censura que o goberno local estea a vender libros fixando os prezos “a ollo”, sen o estudo que a normativa require. “O Pleno non aprobou ningunha ordenanza fiscal que fixe o prezo destes libros”, recorda o voceiro do BNG. Ademais, a Intervención advirte que o goberno local tampouco tramitou a alta en Facenda para que o Concello exerza “actividades económicas e as obrigas fiscais en materia de IVE”.
“E xa que falamos de ingresos, a conta xeral volve amosar un clásico da xestión do PSOE: novamente atopamos que no 2015 hai determinadas concesionarias de servizos municipais que non ingresaron un peso ao Concello por enriquecerse a conta da veciñanza”, conclúen.