O BNG propón uns orzamentos participativos
Del Río garantirá a transparencia na administración “para acabar coas prácticas caciquís do PP”
Del Río garantirá a transparencia na administración “para acabar coas prácticas caciquís do PP”
Betanzos, 9 de maio de 2011. O candidato á Alcaldía de Betanzos polo BNG, Henrique del Río, anunciou este serán na Angustia o seu compromiso de instaurar os orzamentos participativos en Betanzos, para que os veciños e veciñas poidan decidir unha parte dos investimentos municipais. “Para nós a participación da cidadanía na política municipal non é un lema, comprometémonos a garantir o paso dunha democracia representativa a unha democracia participativa, para que así os veciños e veciñas poidan decidir sobre o que se fai en Betanzos”, destaca o cabeza de lista do BNG.
Xunto con esta medida, Henrique del Río adiantou que o BNG exporá os proxectos de obras públicas á veciñanza antes da súa execución. “Deste xeito a veciñanza terá coñecemento efectivo das características das obras e do seu cronograma de execución para tentar evitar as molestias derivadas da realización das obras e conseguir o mellor resultado final posíbel”, sinala o candidato do BNG.
“O BNG acabará coas prácticas caciquís en Betanzos”
Henrique del Río tamén explicou que o BNG reformará a web municipal para publicar todos os acordos e normativas do Concello de forma que sexan de coñecemento xeral. “Esta reforma iría máis aló, incluíndo a posibilidade de facer trámites por medio da web”, explica o nacionalista.
O BNG tamén propón sacar a concurso público as obras e servizos que contrate o Concello. “Acabaremos deste xeito coas numerosas irregularidades que cometeu María Faraldo”, salienta Henrique del Río, quen lembra que o Pleno do Concello acordou remitirlle á Fiscalía e ao Xulgado as irregularidades máis graves, coa oposición do PP. “O BNG pretende rematar con estas prácticas caciquís e garantir que todas as empresas teñan as mesmas opcións de traballar para o Concello”, apunta o cabeza de lista. Del Río conclúe que deste xeito “conteremos e racionalizaremos o gasto da administración municipal”.