O BNG explica que votou en contra do orzamento como primeiro paso para crear un proxecto alternativo
Del Río: esperamos que este sexa o primeiro paso para construír unha alternativa ás políticas clientelares e privatizadoras que o goberno local pretende perpetuar
Desde o BNG cuestionan a suba en 275.745,97 euros en diversos servizos privatizados, o que sitúa xa o total do gasto en privatizacións en 865.387,66 euros
Betanzos, 22 de abril de 2016. O BNG votou en contra onte dos orzamentos presentados polo PSOE, convencidos de que ten que ser o primeiro paso para construír unha alternativa ás políticas clientelares e privatizadoras que o goberno local pretende perpetuar.
As nacionalistas explican que o seu voto en contra non é para destruír nin para ir en contra de ninguén, senón para desmontar toda unha forma de entender a política local e o Concello, de facer e desfacer cos cartos públicos como se fosen do goberno. O BNG está onde se comprometeu a estar en maio, somos leais á palabra dada á veciñanza advertiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río. A mellor forma de dicir é facer, e non se pode predicar estar contra a privatización do servizo de limpeza un día e ao outro dar apoio a un orzamento que prevé máis fondos para seguir privatizando este e outros servizos, aseguran as nacionalistas.
É moi lexítimo que tres forzas chegasen a un acordo nun pacto de palacio, mais non se pode dicir que iso sexa participación vecinal porque é precisamente o contrario
Salientan que o voto en contra de onte é para dar o primeiro paso na construción dunha alternativa ao proxecto do PSOE, un proxecto diferente, xusto e participativo que dea vida ao noso concello. Neste sentido, o Bloque pide aos outros grupos da esquerda recapaciten e empecen a pensar máis na veciñanza e menos en competir, en votos, en gañadores e perdedores, porque así perdemos todas.
Neste sentido, as nacionalistas lamentan que as contas fosen negociadas en segredo, de cóstas á veciñanza. "É moi lexítimo que tres forzas chegasen a un acordo nun pacto de palacio, mais non se pode dicir que iso sexa participación vecinal porque é precisamente o contrario", engaden.
"O PSOE ten o vicio de escoller a quen lle dá a dedo os contratos, a quen lle dá a dedo as subvencións, de elixir quen merece ser escoitado e quen non e agora pretende escoller tamén quen, dos grupos da oposición, fai achegas en positivo e quen non" engaden. "Como se o Bloque non trasladase ao Pleno desde que se fixeron os anteriores orzamentos suficientes demandas veciñais, suxestións e ideas alternativas ao proxecto esgotado do PSOE" conclúen.
Aseguran que despois de cuestionar durante anos o excesivo gasto en festas que gobernos do PP e do PSOE incluíron nos sucesivos orzamentos, non poden compartir a suba do gasto nos diversos festexos até os 317 500 euros. Cuestionan así a suba de 160 000 a 200 000 euros do gasto nas festas de agosto, até os 70 000 na Feira Franca Medieval (malia que o PSOE diga que non é unha festa para retiralo da suma), 40 000 en Nadal e Entroido e 7500 na festa da tortilla.
Tamén cuestionan a suba en 275.745,97 euros en diversos servizos privatizados, o que sitúa xa o total do gasto en privatizacións en 865.387,66 euros. Aquí inclúese de todo, desde seguridade privada non sabemos para que, até os servizos de limpeza, xardinería ou cemiterio e mesmo estudos técnicos ou organización de eventos, detalla Del Río. Desde o BNG aseguran que a privatización de servizos públicos acaba dando uns servizos máis caros, de peor calidade e cunhas condicións laborais precarias para as persoas que traballan nestas empresas. Ademais, estámolo a ver continuamente, a privatización préstase para clientelismo e corruptelas censuran.
Ademais, lamentan que, en contra da propaganda oficial, non sexa un orzamento social. "A suba no gasto social que publicitan é, en grande medida, debido a que se suben as partidas relativas a servizos privatizados", relatan. "De feito, se fosen tan sociais como din solventarían algúns dos conflitos que o Concello ten abertos, entre eles o do seu propio persoal", puntualizan.