Pediremos no Pleno unha campaña de trampeo de velutinas en todo o Concello
Alertan de danos de entidade nos cultivos froiteiros e na produción de viño pola incidencia desta especie invasora.
Tamén pedirá que se inste á Xunta a elaborar e financiar axeitadamente un Plan de eliminación de especies invasoras que contemple fondos para investigación e para trampeo e persoal para loitar contra a expansión da avespa velutina.
Alertan de danos de entidade nos cultivos froiteiros e na produción de viño pola incidencia desta especie invasora.
Tamén pedirá que se inste á Xunta a elaborar e financiar axeitadamente un Plan de eliminación de especies invasoras que contemple fondos para investigación e para trampeo e persoal para loitar contra a expansión da avespa velutina.
Betanzos, 24 de xaneiro de 2018. O BNG propoñerá no Pleno que o goberno local desenvolva, a vindeira primavera, unha campaña informativa contra a avespa velutina. As nacionalistas propoñen que a campaña complemente a vertente informativa cun reparto de trampas para potenciar a prevención mediante trampeo para capturar ás raíñas de velutina e impedir a súa propagación en novo niños.
“A avespa velutina é unha especie invasora e un depredador de poboacións de polinizadores, piar imprescindible da agricultura” explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Ademais da produción de mel, outras actividades agrarias veñen acusando os efectos desta praga invasora en Betanzos e a súa comarca, como por exemplo o cultivo do viño, onde o impacto das velutinas ten ocasionado perdas importantes, non só por atacar aos insectos polinizadores senón por devorar, directamente, a uva cando madura”, relata.
As nacionalistas advirten da rápida expansión desta especie invasora e das consecuencias graves dos seus ataques ás persoas. Relatan, neste sentido, que a Deputación da Coruña está a financiar unha investigación en colaboración coa universidade de Santiago para identificar parasitos autóctonos ou biocidas que permitan erradicar as avespas asiáticas sen prexudicar a outras especies ou a contorna natural así como estudar o impacto socioeconómico desta especie invasora na comunidade galega e desenvolver un sistema que permita prever a expansión destes insectos.
Mais botan en falta unha acción decidida do goberno galego diante desta praga con graves incidencias na actividade agraria e na biodiversidade. “Desde o BNG temos reclamado varias veces á Xunta medidas para contribuír a rematar coa expansión desta especie invasora. Nas nosas emendas aos orzamentos da Xunta para 2018 pediamos 300 mil euros para un Plan de eliminación de especies invasoras, que na súa primeira fase se centraría na nosa comarca, para contribuír ao control da velutina mais tamén dos plumachos e doutras especies invasoras” explica Del Río. “O PP votou en contra no Parlamento desta emenda” engade.
Por este motivo, a iniciativa das nacionalistas demandarán que se inste á Xunta a elaborar e financiar axeitadamente un Plan de eliminación de especies invasoras que contemple fondos para investigación e para trampeo e persoal para loitar contra a expansión da avespa velutina. “En setembro defendimos unha proposición non de lei no Parlamento encamiñada a poñer medios para a investigación e a eliminación da velutina, mais a pesar disto a Xunta segue sen actuar e a situación séguese a agravar” lamenta o voceiro do BNG.
Iniciativas para atallar outras especies invasoras sen executar polo goberno
Desde o BNG recordan que xa teñen presentado iniciativas similares para que o goberno local poña en marcha campañas de divulgación e combate doutras especies invasoras, como os plumachos ou a tóxica herba tintureira. “Algunha destas iniciativas xa as presentamos tres ou catro veces e malia anunciar que as incluirían nos orzamentos, o certo é que Betanzos segue inzada de plumachos e cada ano que pasa a situación vai a peor”, lamenta Del Río.