O BNG-Asembleas Abertas pide fondos para retirar as especies invasoras
Tamén propón unha campaña de sensibilización para previr á veciñanza das sancións introducidas polo goberno español e un programa de voluntariado ambiental para retirar durante o inverno estas especies.
Betanzos, 14 de decembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propoñerá no Pleno que se destine unha partida orzamentaria suficiente para a erradicación das plantas invasoras nos espazos de titularidade municipal. En setembro presentamos unha pregunta centrada na herba da Pampa, e como o goberno local non fixo nada ao respecto propoñemos unha relación de actuacións para facilitarlle o traballo ao goberno, relata o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas explican que estas especies invasoras provocan danos nos cultivos e empobrecen os ecosistemas eliminando outras especies vexetais, cun dano evidente para a paisaxe e a biodiversidade, e nalgúns casos mesmo provocan danos na saúde das persoas ou problemas en servizos públicos. Por este motivo, demandarán no Pleno que o Concello solicite á Xunta, ao goberno español e aos seus organismos que retiren estas especies dos espazos da súa titularidade en Betanzos.
Entre as especies invasoras, as nacionalistas advirten de que existen no centro urbano, ademais de eucaliptos, acacias e ailantos na Madalena, a cola de raposa no Pasatempo, onde tamén se atoparon o xacinto de auga e fento de auga- que poderían acabar infestando o Mendo.
Desde o BNG-Asembleas Abertas piden que o goberno local desenvolva unha actividade divulgativa decidida, pois o goberno español introduciu o pasado mes de setembro un severo réxime de sancións na Lei 42/2007 para quen posúa estas especies. Con esta actividade de divulgación estariase previndo á veciñanza dunha eventual denuncia e sanción por posuír estas especies explica Del Río.
Esta divulgación, explican as nacionalistas, podería ser mediante a edición dalgún material explicativo, cun bando, cunha xornada específica impartida por especialistas E tamén se podería coordenar a actividade do propio Concello coa Reserva da Biosfera para darlle un tratamento integral ao longo de toda a bacía do Mendo e o Mandeo. Non serve de nada retirar estas especies en Betanzos se no concello do lado seguen inzando o terreo, explica Del Río.
Ademais, para retirar estas especies invasoras, as nacionalistas suxiren que en paralelo á propia actividade do Concello se organice un programa de voluntariado social, en colaboración coas entidades ambientalistas que traballan na comarca, para sensibilizar e retirar estas especies invasoras dos espazos públicos.
Desde o BNG-Asembleas Abertas entenden que estas especies son un risco para a riqueza ambiental de Betanzos e que resultaría moito máis barato actuar sobre elas agora, que están relativamente localizadas, que agardar ao ano que ven. Habería que aproveitar o inverno, que as plantas descansan e non se reproducen, para eliminalas sen risco a que se propaguen, conclúen.