Que facemos co patrimonio?

O dos capiteis do antigo mosteiro de San Francisco é unha anécdota e o problema precisamente é que o goberno local se move a golpe de ocorrencia: non están a mirar o patrimonio no seu conxunto, como unha oportunidade de desenvolvemento, nin se pon en valor

Que facemos co patrimonio?

A raíz dun artigo aparecido no Anuario Brigantino, soubemos que unha coñecida familia betanceira ten na súa propiedade, froito do espolio, parte dos capiteis do desaparecido claustro de San Francisco. Ao parecer, o goberno local leva negociando en segredo dous anos coa familia Dapena para recuperalos,sen éxito.

Esta historia é un exemplo máis da desidia deste goberno cara ao patrimonio en xeral e cara ao Casco Histórico en concreto. Máis alá do feito de que haxa restos do mosteiro por todo Betanzos, reutilizados en rúas, ou mesmo en paredes das casas, o caso dos capiteis é unha boa mostra da relación tan particular que ten o goberno do PSOE co patrimonio, actuando sempre ao abeiro doutros, sen iniciativa política, sen calquera proxecto para pór en valor o inmenso patrimonio histórico que temos.

No BNG lamentamos que se negocie con quen se apropiou do que é de todas, e máis se se trata como parece, da familia de Tomás Dapena, un alcalde franquista que continúa, en contra do estabelecido pola lei da Memoria Histórica, a dar nome a unha rúa. Con esta familia negóciase porque posúen estes capiteis góticos, mais é bo lembrar que foron espoliados, que non son seus, senón do pobo de Betanzos. Imos permitir que esta apropiación quede impune? Imos consentir que se saquee o patrimonio histórico, que é de todas, para logo manter normas que prevén multas para quen busca comida no lixo? En que país vivimos? Seguimos na España de Franco?

Con todo, fagamos un esforzo de imaxinación e pensemos que si, que se recuperan os capiteis e se levan ao Museo das Mariñas, como quere o alcalde... que pasa daquela co resto do patrimonio deste Concello? Que pasa co Pasatempo, coa fábrica da Condomiña, co que queda do convento das Donas? Pasará o mesmo que coa Casa Gótica?

Estes capiteis teñen valor, ninguén o dubida. Por iso mesmo foron espoliados e aínda se conservan, en lugar de ter acabado como grava nun camiño. Mais son unha anécdota e o problema precisamente é que o goberno local se move a golpe de ocorrencia: non están a mirar o patrimonio no seu conxunto, como unha oportunidade de desenvolvemento, nin se pon en valor. Cousa que escaramuzas como esta non conseguen. Ou acaso o PSOE pretende simular e prefire deixar que decida o conselleiro do PP, en definitiva, que outros fagan?

 

Artigo publicado no xornal Betanzos e a súa comarca no seu número de outubro de 2016.
 

Que facemos co patrimonio?