O BNG fará da cultura a marca de Betanzos
O BNG quere respaldar a acción sociocultural desde a base, evitando o dirixismo nas políticas culturais que practicaron tanto o PSOE coma o PP.
O BNG quere respaldar a acción sociocultural desde a base, evitando o dirixismo nas políticas culturais que practicaron tanto o PSOE coma o PP.
Betanzos, 11 de maio de 2011. O candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, explicou hoxe que o programa de goberno do BNG inclúe a participación activa da xente no deseño das políticas culturais do Concello. O BNG quere respaldar a acción sociocultural desde a base, evitando o dirixismo nas políticas culturais que practicaron tanto o PSOE coma o PP, limitando os eventos culturais de Betanzos á programación institucional do Concello.
Henrique del Río explicou que “o goberno do BNG asinará convenios coa Xunta de Galiza para utilizar os equipamentos dos centros públicos fóra do horario lectivo”. Para os nacionalistas, “deste xeito servirán tamén para cumprir cun obxectivo social máis amplo ao acoller actividades culturais, deportivas e educativas ou apoiar aos propios estudantes coa apertura das bibliotecas escolares”.
A posta en valor e difusión da cultura popular é outra das apostas do BNG na súa alternativa para a cultura. Neste sentido, entre outras medidas, o BNG poñerá en valor as danzas gremiais de Betanzos, cun festival específico que reúna formacións de distintos países que executen este tipo de bailes.
O BNG tamén quere adquirir a Torre de Lanzós para convertela nun Centro de Interpretación do Casco Histórico, a fin de dinamizalo culturalmente. Para poñer en valor o patrimonio cultural, Henrique del Río explicou que “reformularemos o programa da Feira Franca Medieval para que reflexe o peso que Betanzos tivo no Reino de Galiza e na Revolución Irmandiña”.
O BNG aposta por poñer en valor a Memoria Histórica. Xunto ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica que María Faraldo se resistiu a cumprir, os nacionalistas propoñen recuperar a fábrica da Madalena e colocar un memorial que lembre ás vítimas do campo de concentración que alí houbo.
Unha programación estábel de artes escénicas no Alfonsetti
O BNG contempla tamén a programación dun ciclo estábel de artes escénicas no Teatro Municipal Alfonsetti. Henrique del Río explicou que contarán para conseguir este fin coa colaboración dos grupos de teatro dos institutos e as agrupacións teatrais afeccionadas de Betanzos, ademais de cos grupos musicais dos locais de ensaio, Banda Municipal de Música e agrupacións de intérpretes do Conservatorio e a Escola Municipal de Folclore.
O BNG arremeteu contra Faraldo por utilizar para a súa publicidade electoral a obra do Alfonsetti “que vale para que o PP faga campaña pero que teñen vedado aos betanceiros e betanceiras”. Os nacionalistas insisten en que son moitas as irregularidades que rodearon a recuperación desta sala e que PP e CxB se negaron a que as auditara o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas.
Desde o BNG insisten en que “o BNG oponse a pagar peaxes a ninguén para usar unha sala que é de propiedade municipal”, en alusión á polémica indemnización á familia Pita aprobada cos votos de PP e CxB.