Un modelo de cidade, un modelo de futuro

No BNG defendemos mudar o concepto. Negámonos a ser cómplices das políticas que tanto dano levan facéndolle a Betanzos estas últimas décadas.

Un modelo de cidade, un modelo de futuro
bng (195)
bng (195)

Vivimos nunha sociedade que santifica o vehículo privado, convertido en símbolo de liberdade, autonomía persoal e éxito social. Un poderoso lobby empresarial presiona para condicionar as políticas públicas, destinando grandes sumas de cartos a campañas de propaganda. E a tecnoloxía convértese en pretexto para amábeis mutacións: o vehículo automático, o híbrido, o eléctrico intentan seducir coas súas supostas bondades ecolóxicas. 

O deseño da rede viaria e das cidades estivo durante décadas ao servizo da ditadura do automóbil. Estradas que atravesan aldeas e cidades, como a N-VI ou a N-651, sen facilidades, e mesmo hostís, para quen vive ao seu carón. Un transporte público testemuñal, para cubrir o expediente, que non dá servizo a polígonos, hospitais, centros de estudo ou veciñanza en xeral. Todo a medida do vehículo privado, en base ao cal se seguen demandando ampliacións de estradas eternamente saturadas. Ou en base ao cal son sacrificadas rúas enteiras, barrios enteiros e mesmo o patrimonio, como aparcamentos.

defendemos mudar o concepto. Negámonos a ser cómplices das políticas que tanto dano levan facéndolle a Betanzos estas últimas décadas

Para facer fronte a esta tendencia cómpre un cambio de modelo: pensar primeiro nas persoas. Gañar espazos para outras formas de mobilidade máis amábel, como a peonil e a ciclista. Moderar o tráfico e reducir a velocidade, mesmo con incómodas barreiras físicas. Un debate ao que Betanzos chega moi tarde, incapaz aínda o seu goberno (PSOE, PP e aliados) de avanzar sequera na peonalización de determinadas rúas do centro histórico e comerciais, algo polo que levan anos apostado practicamente todas as cidades europeas.

No BNG defendemos mudar o concepto. Negámonos a ser cómplices das políticas que tanto dano levan facéndolle a Betanzos estas últimas décadas. Non é intelixente para a cidade sacrificar o Casco Histórico como aparcamento para tomar unhas tazas no Campo. Non cremos que o futuro pase por retirar árbores na Ribeira para meter coches, ou en botar abaixo un convento do século XI para estacionar no recheo da ruína seis vehículos máis. 

Cómpre entender os espazos públicos como lugares democráticos, escenarios da convivencia, da cohesión social e do dinamismo económico. Espazos públicos nos que ocupan o primeiro lugar as persoas, o colectivo, a accesibilidade universal. Lugares habitados polas voces de crianzas e polos cantos dos paxaros. Espazos de benestar social e da equidade. 

non se pode levar a cabo ningunha verdadeira transformación sen conflito, sen facer que o  interese colectivo prevaleza sobre supostos dereitos particulares

E queremos construír esa cidade amábel, acolledora, feminista, integradora, viva e dinámica como unha obra colectiva, coas ideas claras e a valentía política que Betanzos precisa para saír da longa sedación en que décadas de goberno do PSOE a levan sumida. Porque non se pode levar a cabo ningunha verdadeira transformación sen conflito, sen facer que o  interese colectivo prevaleza sobre supostos dereitos particulares. Como exitosamente temos demostrado en Pontevedra, Allariz ou Ribadeo, tan semellantes á nosa cidade, cada unha na súa escala. Contamos contigo!


Artigo publicado orixinalmente no xornal "Betanzos e a súa comarca", de ACEBE-CCA, no seu número de outubro de 2018.

 

Un modelo de cidade, un modelo de futuro