O BNG demanda no Parlamento buses accesíbeis para Betanzos
Os nacionalistas pedirán no Pleno que o goberno local dote de ramplas de acceso os edificios municipais.
Betanzos, 14 de abril de 2014. O BNG trasladou ao Parlamento de Galiza as demandas dun grupo de veciños e veciñas de Betanzos sobre a accesibilidade do transporte público por estrada. A Xunta consinte en que non haxa autobuses accesíbeis para estas persoas, de forma que se ven obrigadas a avisar con dous ou tres días de antelación á empresa para tratar de utilizar este medio de transporte, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas, que respaldaron a concentración que estas persoas celebraron no Campo reclamando autobuses accesíbeis, comprometéronse a trasladar as súas peticións ao Parlamento de Galiza. O goberno galego, en tanto que responsábel destas liñas de transporte por estrada, ten a responsabilidade de exixir o cumprimento da legalidade vixente para, á súa vez, garantir os seus dereitos ás persoas con discapacidade indican.
Mesmo se dan casos nos que autobuses rotulados co distintivo do transporte accesíbel en realidade teñen o espazo que debera estar destinado a estas persoas con mobilidade reducida ocupado con asentos, advirten os nacionalistas facéndose eco das queixas deste grupo de veciñas e veciños. Desde o BNG recordan que estas persoas xa presentaron as súas queixas por estes feitos ante a Xunta, sen ter resposta, e tamén ante o Valedor do Pobo.
Para o BNG, aínda son máis graves os impedimentos que os concellos manteñen coa súa veciñanza discapacitada. O caso do Concello de Betanzos é paradigmático, engade Del Río. As oficinas administrativas no Edificio Arquivo non son accesíbeis, ao igual que moitas outras dependencias municipais como o Conservatorio, escola infantil municipal, Policía Local,... explica o voceiro nacionalista, que recorda que o seu grupo xa demandara unha rampla de acceso ás oficinas municipais do Edificio Arquivo gobernando o PP, sen éxito.
Mesmo resulta imposíbel que estas persoas poidan estar presentes no Pleno para poder facer uso do Regulamento de Participación Cidadá e dar relato fidedigno dos impedimentos que atopan día a día a pesar da propaganda oficial, engade. Os gobernantes entenden isto como un problema privado en lugar de velo como o que en realidade é, velar por que toda a veciñanza teña exactamente os mesmos dereitos explica.
O Edificio Arquivo, o convento de San Domingos ou as antigas escolas de San Francisco, entre outros edificios municipais, foron remodelados hai menos de 30 anos e naquela altura os gobernantes non pensaron nas persoas con discapacidade para poñer ascensores e eliminar outras barreiras de acceso recorda. Houbo que colocar os ascensores posteriormente e cun investimento adicional, e en moitos casos resultou ser un gasto inútil xa que o acceso aos ascensores ou ramplas resultaba de igual modo imposíbel para as persoas con mobilidadade reducida explica.
Por este motivo, os nacionalistas tamén presentarán unha iniciativa no vindeiro Pleno para demandar ao goberno local a acometer de xeito urxente un plan de accesibilidade que habilite solucións que faciliten o acceso a persoas con mobilidade reducida.
Do mesmo xeito, pedirán que o Concello se dirixa á Xunta para que se garanta, nas concesións de transporte colectivo por estrada, unhas frecuencias fixas nas que haxa vehículos accesíbeis a estas persoas con mobilidade reducida.