O BNG propón que se elabore un Plan de mobilidade
No BNG defendemos mudar a orde de prioridades na mobilidade nos espazos públicos e pasar do dominio absoluto do vehículo particular a outorgar preferencia aos peóns, logo ao transporte público colectivo, despois outras modalidades de transporte público e finalmente ao vehículo particular
Betanzos, 23 de marzo de 2016. O BNG propoñerá no vindeiro Pleno que se elabore un plano de mobilidade sustentábel. As políticas de mobilidade teñen que garantir a accesibilidade para todas, e este obxectivo implica a obediencia ás normas e a fixación de prioridades explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. As nacionalistas entenden que Betanzos carece absolutamente de políticas públicas encamiñadas a acadar esta mobilidade sustentábel.
Basean esta análise no incumprimento masivo, tolerado polo goberno municipal do PSOE, das mínimas normas de circulación do tránsito e o estacionamento, condutas que dificultan a accesibilidade dos peóns, sobre todo daqueles con problemas de modalidade. Neste sentido, denuncian que prazas e rúas peonís foron sacrificadas, sen mudar as normas, para dar paso a estacionamentos mentres a veciñanza sufraga reiteradamente a reparación de beirarrúas estragadas por vehículos mal estacionados ou a instalación de bolardos como única medida de garantía de espazos reservados aos peóns.
Poñer en marcha un sistema de información sobre os horarios, frecuencias e rutas dos distintos transportes públicos- autobús e tren-, e deseñar unha aplicación para móbiles facilitarán á veciñanza o uso de buses e tren
Na mesma liña, cuestionan que semanalmente o Campo sexa acoutado para estacionamento de motos para que as terrazas do Campo saquen máis lucro do espazo público en detrimento da veciñanza. Tamén denuncian que o parque da estación é transformado en estacionamento tolerado durante as festas.
No BNG defendemos mudar a orde de prioridades na mobilidade nos espazos públicos e pasar do dominio absoluto do vehículo particular a outorgar preferencia aos peóns, logo ao transporte público colectivo, despois outras modalidades de transporte público e finalmente ao vehículo particular explica Del Río. Isto implica, obviamente, un novo modelo de cidade e, en consecuencia, un novo urbanismo inclusivo e sostíbel engade.
Por este motivo, demandarán do Pleno a aprobación dun plan de mobilidade sustentábel que se basee en priorizar os usos peonís dos espazos públicos, garantindo a reserva de beirarrúas, prazas, rúas, parques, xardíns e demais espazos peonís para uso exclusivo das persoas.
Do mesmo xeito, desde o BNG propoñen ubicar nas zonas de estacionamento situadas á entrada da cidade e na estación de tren e nas paradas de autobús mapas que indiquen a distancia ao centro e aos puntos de interese en metros, pero tamén no tempo que leva cubrir esa distancia a pé.
Para desprazar o centro de gravidade do coche particular, propoñen medidas como facilitar e promover a mobilidade en bicicleta, creando itinerarios seguros para moverse en bicicleta, desincentivar o uso de vehículos particulares e priorizar o acceso peonil e en bicicleta ao centro da cidade.
Finalmente, tamén propoñen medidas para favorecer o transporte público que o Concello ten na súa man levar a cabo, como a posta en marcha dun servizo de transporte público que conecte as parroquias coa propia cidade de Betanzos, atendendo especialmente as fins de semana e o horario nocturno. Poñer en marcha un sistema de información sobre os horarios, frecuencias e rutas dos distintos transportes públicos- autobús e tren-, e deseñar unha aplicación para móbiles facilitarán á veciñanza o uso de buses e tren, conclúen.